Álex Bergantiños: "Despois da vitoria vese todo un pouco mellor esta semana"
O xogador coruñés apela a manter a tensión ata o final, coa sensación de que foi unha tempada "por baixo das nosas posibilidades".
Álex Bergantiños. //Fonte: RC Deportivo.
A vitoria da fin de semana foi balsámica para o Dépor. Recoñéceo Álex Bergantiños, que ve os xogadores "máis tranquilos en canto á situación a curto prazo, pero a sensación é que foi un ano por baixo das nosas posibilidades".
O xogador coruñés asegura que "é un bo momento, despois da vitoria vese todo un pouco mellor esta semana", aínda que insiste en que "non temos nada feito". "Alguén pode garantir que se perdemos todos os partidos de aquí ao final esteamos salvados? Eu creo que non, temos que ser profesionals e facer puntos, quedar o máis arriba posible porque tamén son ingresos para o club", sentenza.
"Agora temos dous partidos moi difíciles, Ral Sociedade e Real Madrid. Se non puntuamos se cadra estamos outra vez preto do descenso", advirte. Por iso apela a manter a tensión ata o final, porque "o calendario non che dá ningún tipo de marxe. Hai que non baixar a intensidade e tentar corrixir os erros, que a estas alturas de tempada é máis difícil modificar demasiadas cousas".
Sobre a súa situación persoal, recoñece que "na miña posición hai xente de moito nivel e é difícil entrar". "A nivel individual non xoguei o que me gustaría, pero tamén o entendo", recoñece, polo que esperará a final de tempada para "valorar todo con perspectiva".
Escribe o teu comentario