Freixanes critica a demagoxia do discurso da "imposición" do galego

O novo presidente da RAG afirma que "se dixeron moitas mentiras" e que esa política resultou "devastadora" para o idioma.


|

Freixanes


O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, manifestou que "houbo un momento no que se usou o galego como un mecanismo demagóxico para a loita electoral". "Dixéronse moitas mentiras; por unhas partes máis que por outras", engadiu.


O recentemente elixido presidente da RAG concedeu unha entrevista este domingo a Radio Nacional de España na que se mostrou moi crítico co discurso da "imposición" da lingua galega promovido desde algúns sectores da sociedade civil de Galicia.


Así, remarcou que este discurso está baseado nunha "política interesada e manipuladora" que resultou "devastadora para o galego". Con todo, Freixanes evitou pronunciarse sobre o decreto do plurilingüismo --contra o que recorreu xudicialmente o organismo que preside--, á vez que chamou a crear "espazos de entendemento" ao redor da lingua "en todo o ámbito social" de Galicia.


Así as cousas, emprazou a realizar "autocrítica" desde todos os estamentos da cidadanía de Galicia para dar "un paso cualitativo" na defensa do galego e, deste xeito, alcanzar "acordos" que permitan "unir esforzos" na promoción do uso da lingua.


"MARCO DE ENTENDEMENTO"


Freinaxes, tras remarcar que a RAG "non é un espazo de axitación", aclarou que confía "na boa vontade de todas a partes" para "crear un marco de entendemento" en torno ao galego. Unha tarefa de promoción na que considera clave crear correntes de "afecto" cara á lingua propia de Galicia nos primeiros anos de escolarización, para que as nenas e nenos sexan conscientes de que "vivir en galego" é "algo normal que une a todos".


E é que o presidente da Real Academia cre que, en comparación cos anos da súa infancia e adolescencia, lográronse "pasos xigantescos" en "uso e prestixio" do galego, especialmente no "recoñecemento social" da lingua.


Con todo, opinou que isto "non é suficiente", polo que é preciso reforzar a promoción da lingua galega entre as novas xeracións como unha forma de "descubrir o mundo, de velo doutra forma". E é que, a pesar de que nestes momentos se fala galego "con máis precisión" que "nunca", Freixanes reiterou que existe un problema de "incorporación de mozas" á hora de empregalo para socializar.


"Cando chega o momento de socializar, o galego non está", manifestou o presidente da RAG, quen alertou ante a falta de presenza da lingua en "mecanismos sociais de relación" coma "o cinema, a música, o lecer e o consumo". "O galego aí non está", subliñou, para logo sinalar os medios de comunicación que "producen" en Galicia como outro ámbito no que o galego ten pouca presenza.


EQUIPO CONTINUISTA


Para Freixanes, "as institucións, os partidos políticos, os sindicatos e toda a sociedade civil" xoga un papel importante nesta tarefa, en especial, a administración e o goberno, quen "ten que dar exemplo na práctica, uso e en marcar directrices de por onde debe avanzar o idioma", expresou.


"A Academia non é quen fai a política lingüística do país. Xa nos gustaría", indicou Freixanes, quen apuntou que o novo equipo directivo da RAG dará "continuidade" aos seus predecesores á fronte da institución que, con Xesús Alonso Montero como presidente, desenvolveu un traballo "brillante, entusiasta e xeneroso".

relacionada Víctor Freixanes é elixido novo presidente da RAG
relacionada Afectividade e emotividade, factores que incrementan o uso do galego entre os mozos
relacionada O BNG reta aos mozos a "rebelarse" e cambiar o español polo galego

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE