Afectividade e emotividade, factores que incrementan o uso do galego entre os mozos
Un informe do Consello da Cultura Galega aposta por cambiar o modelo de ensino entre os 0 e os 6 anos en favor dunha oferta de educación infantil en galego.
Un informe do Consello da Cultura Galega (CCG) aposta pola "afectividade" e a "emotividade" para incrementar o uso do galego por parte dos mozos, á vez que chama a "cambiar o modelo de ensino" da lingua en infantil para conseguir este obxectivo.
Segundo este informe, a vía "máis eficaz" para incrementar o uso do galego entre os mozos é "a creación dun espazo de solidariedade co galego", movido pola "afectividade e a emotividade", por encima das vías máis institucionais, como o ensino e os medios de comunicación.
O informe revela "un patrón maioritario de valoración positiva do galego" entre os mozos, "mesmo entre os castelán falantes", aínda que son "pesimistas sobre o seu futuro".
O hábitat de residencia móstrase como o marcador máis relevante para entender os usos lingüísticos da mocidade, onde o urbano é o hábitat con menos uso do galego, fronte ao rural. A falta de trasmisión xeracional, de pais, a fillos, relévase como a causa fundamental da desgaleguización.
Segundo o Consello, a escola é "un lugar importante para a aprendizaxe da lingua", pero "non funciona como lugar de dinamización do uso do galego" e "non contribúe a cambiar o status da lingua".
Con todo, o informe aposta por cambiar o modelo de ensino entre os 0 e os 6 anos en favor dunha oferta de educación infantil en galego. "As estatísticas revelan que as familias "preparan" aos nenos para o cambio tamén lingüístico que esperan na escola, o cal supón un importante factor de desgaleguización", apuntaron.
Escribe o teu comentario