A Xunta anuncia as mesmas prazas para educación nas oposicións do ano que vén
"Nos próximos anos imos manter sempre o cento por cento como mínimo da taxa de reposición", afirma o conselleiro.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou este domingo "cifras semellantes ou mesmo superiores" ás deste ano nas oposicións de ensino dos próximos exercicios.
Tras concretarse esta semana a oferta para este ano de 1.043 prazas, Román Rodríguez pronunciouse deste xeito nunha entrevista en Radio Galega: "Nos próximos anos imos manter sempre esta senda, é dicir, ir ao cento por cento como mínimo da taxa de reposición para alcanzar, nun horizonte temporal razoable, unha taxa de interinidade en torno ao 5, ao 8 por cento".
Neste sentido, engadiu que nas convocatorias dos próximos anos haberá "cifras semellantes ou mesmo superiores en función tamén da dinámica de xubilacións e de necesidades de poder afrontar unha estabilidade do profesorado".
En relación á investigación aberta pola Defensora do Pobo sobre as novas probas de avaliación que substitúen a Selectividade, Rodríguez lanza "unha mensaxe de total tranquilidade, de total seguridade xurídica".
En concreto, explicou que era coñecido desde principios de decembro que non quedarían exentos da proba de galego os alumnos que non cursaran a materia en 1º de Bacharelato: "Isto era coñecido desde principios de decembro cando se publicou o Real Decreto Lei que regula estas cuestións. Por certo, aprobado por todas as formacións políticas no ámbito estatal".
Sobre os alumnos que repetiron curso, indicou que estes teñen dúas opcións. Por unha banda, quedar coa nota media de Bacharelato e, por outro, facer a nova proba de acceso á Universidade.
O conselleiro pon en valor o traballo que se está facendo para tentar forxar un pacto educativo que evite constantes cambios de normativa no campo do ensino. Aposta por alcanzar "maior estabilidade" reforzando á vez os obxectivos de "calidade e equidade".
Acto seguido, destacou o traballo que se desenvolve no ámbito galego para a revisión do mapa de titulacións universitarias, para o que demanda o seguinte: "Temos que poñer as luces anchas e temos que ver máis aló de cuestións concretas de cada caso, e temos que mirar para o futuro e ver se podemos mellorar o sistema".
Escribe o teu comentario