Feijóo anuncia unha lei de augas termais para a provincia de Ourense
Insiste no compromiso co sector a través dun Plan de turismo termal, enmarcado dentro do turismo de saúde.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o Goberno galego remitirá ao Parlamento unha lei de augas termais de uso lúdico para "definir, organizar e ordenar" todas as capacidades do sector e poñelo en valor.
"Unha lei que permitirá planificar termalmente a provincia de Ourense", sentenciou, durante unha visita ás instalacións do balneario Caldas de Partovia, no Carballiño.
O titular da Xunta referiuse ao termalismo como un modelo de "calidade, estable, descentralizado e desestacionalizado". "Calidades todas que nos configuran como destino único", asegurou, antes de lembrar que Galicia é a comunidade con máis balnearios, un negocio que move case 60 millóns e xera máis de 1.200 empregos directos.
Feijóo insistiu no compromiso co sector, a través do Plan de turismo termal, unha estratexia que recolle as liñas fundamentais para o desenvolvemento do sector: para planificar, para facer infraestruturas termais, para integrar produtos termais, para potenciar o coñecemento neste ámbito e para promover o termalismo.
Así mesmo, subliñou que, nestes dous anos, este plan permitiu levar a cabo actuacións como a recuperación de balnearios abandonados ou a conversión da fortaleza de Monterrei en parador; e obras de rehabilitación e acondicionamento como as do Mosteiro de San Clodio en Leiro, a ampliación das termas en Lobios e unha piscina termal nas Laias.
"Tamén crearemos o Club do Produto Turístico da Auga de Galicia e seguiremos traballando no Plan de turismo de saúde de Galicia", abundou.
Escribe o teu comentario