As augas termais melloran "máis do 70%" das doenzas reumatolóxicas
Médicos expertos en cura termal resaltan que a 'balneoterapia' xunto con fisioterapia conseguen "reducir a inxesta de medicamentos".
Médicos expertos na cura termal da Universidade de Santiago afirmaron que "máis do 70%" dos pacientes con doenzas reumatolóxicas melloran os seus síntomas grazas á balneoterapia, que cun "tratamento de nove sesións" axuda a mellorar a mobilidade e reduce a dor.
O balneario de Lugo acolle unhas xornadas sobre a aplicación da balneoterapia neste tipo de pacientes, que adoitan ser "persoas maiores" pero que pode afectar "a individuos de calquera idade, como ocorre coa artrite xuvenil".
A directora do balneario lugués, a doutora Ascensión Sánchez, resaltou a "acción antiinflamatoria, analxésica e descontracturante" das augas termais, que axudan a mellorar a "mobilidade articular, reducen a rixidez e combaten a dor".
Así, a balneoterapia é empregada para combater os síntomas da artrose ou de doenzas inflamatorias, ciáticas, lumbalxias ou abordar as consecuencias de traumatismos ou cirurxías do aparello locomotor.
A doutora apuntou que o tratamento para cada paciente pode complementarse con "técnicas complementarias ás augas mineromedicinais como os parafangos" ou sesións de masaxe e de fisioterapia.
Por último, Sánchez remarcou que grazas a estes tratamentos, que adoitan ter unha duración duns nove días, conséguese "reducir a inxesta de medicamentos, en particular analxésicos e antiinflamatorios".
Escribe o teu comentario