O persoal do 112 anuncia unha folga indefinida polo traslado da central

O servizo estará cuberto ao 100%, pero o paro repercutirá na prestación do mesmo, concretamente nos tempos de espera polo déficit de operadores


|

112 teleoperadores galicia2


O persoal da Axencia Galega de Emerxencias (112) anunciou unha "folga indefinida" a partir do próximo día 15 de abril en protesta polo traslado da central de emerxencias á Estrada (Pontevedra).


Así o comunicaron este xoves os representantes do comité de empresa en comparecencia de prensa. Alí, acompañados por membros do comité do 061, sinalaron que ven "obrigados" a convocar a folga logo de que "nin as súas denuncias, nin as súas demandas fosen escoitadas".


Deste xeito, a folga será "indefinida" e manterase "ata que a administración" decida recibir aos traballadores do servizo, segundo subliñou a presidenta do comité de empresa, Isabel Moraes, representante da CIG, central que informou da rolda de prensa a través dun comunicado.


O vindeiro luns está prevista unha reunión entre o comité de folga e a empresa para acordar uns servizos mínimos. No caso de non haber acordo, estes serán fixados pola administración.


SERVIZOS MÍNIMOS


Con todo, debido ás características do 112, os servizos mínimos "afán ser do 100%", polo que, segundo afirmou Moraes, existe "unha sentenza do TSXG que di que o servizo ten que funcionar pero non como un día normal".


Por tanto, alertou que o paro repercutirá na prestación do servizo, xa que non haberá suficientes operadores para atender as chamadas, que serán respondidas na súa totalidade aínda que "cun tempo de resposta máis alto".


"Non imos á folga porque non teñamos outra cousa que facer senón porque non nos deixaron outra opción. Se algo ocorre, a responsabilidade será da administración", remarcou.


FALTA DE INFORMACIÓN


Por outra banda, Moraes denunciou que a falta de información que teñen os traballadores ante o inminente traslado da central de emerxencias da súa localización actual, en Santiago, ás súas novas dependencias na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), situada na Estrada (Pontevedra).


"Esa noite nos nosos horarios aparece o persoal duplicado e unha parte estará na Estrada e outra en Compostela. Pero esa é a única información que temos a día de hoxe", alertou.


SISTEMA INFORMÁTICO


Sumado a isto, a presidenta do comité de empresa do 112 avisou que o persoal recibiu unha formación "deficiente e insuficiente" sobre a xestión do novo programa informático que, por outra banda, presenta "fallos" técnicos.


Esta plataforma, que se estreará coincidindo co traslado da central á Estrada, é, en palabras do membro do comité de empresa Óscar Valadares, un "soporte básico" no funcionamento do servizo, polo que se os traballadores non son capaces de controlar "por completo" a ferramenta provocará que "se disparen os tempos de xestión e resposta e que os medios se atrasen en chegar".


Así as cousas, apuntou que no novo programa "hai todo un catálogo de emerxencias con máis de 50 protocolos diferentes e cada un deles con especificidades propias de cada área de cobertura". "Iso non é algo que se aprenda con présas", apostilou.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE