A aposta galega polo hidróxeno verde conta con seis proxectos activos e 440 millóns de euros á espera
Un novo observatorio sectorial ofrece a primeira radiografía trimestral do estado real do hidróxeno na comunidade, nun momento en que a euforia inicial ha dado paso a unha selección rigorosa de iniciativas.
A Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2) e o Instituto Enerxético de Galicia (#INEGA) acaban de presentar o primeiro informe trimestral do Observatorio Galego do Hidróxeno, unha ferramenta creada para seguir a evolución do sector e orientar a promotores, investidores e institucións. O documento, que cobre o período de xaneiro a marzo de 2026, ofrece unha imaxe dun ecosistema que madura lentamente, con proxectos que avanzan na súa tramitación nun contexto europeo que abre xanelas concretas de financiamento.
O escenario actual contrasta coa avalancha de anuncios de hai apenas dous anos, cando chegaron a identificar preto de 30 iniciativas vinculadas ao hidróxeno verde en Galicia. Como xa anticipaba Galiciapress en marzo pasado, a burbulla de promesas foi desinflar e só un puñado de proxectos resistiu o proceso de criba. Ao peche do primeiro trimestre de 2026, seis iniciativas mantiñan tramitación activa: Val H2 A Coruña (Ignis), H2Pole, Accionaplug, Green Meiga, Triskelion e Xullo Verne.
ARTEIXO, PRIMEIRA EN SUPERAR O FILTRO AMBIENTAL
O fito máis relevante do trimestre foi a Declaración de Impacto Ambiental favorable para Accionaplug no polígono de Morás, en Arteixo, unha planta de 20 MW con capacidade para producir preto de 3.000 toneladas anuais de hidróxeno verde. O proxecto, que agarda agora a Autorización Ambiental Integrada para continuar, é froito dunha joint venture entre Acciona e Plug Power.
Pola súa banda, H2Pole nas Pontes —promovido por Reganosa e EDP Renovables cun investimento de 156 millóns de euros e capacidade para 16.000 toneladas anuais— tamén avanza tras completar a súa avaliación ambiental. O máis ambicioso segue sendo Green Meiga, en Begonte, que aspira a producir 100.000 toneladas anuais de metanol verde cun investimento de 500 millóns de euros e operativa prevista para 2027.
440 MILLÓNS EN XOGO DESDE EUROPA
O marco regulatorio e financeiro tamén acompañou durante o primeiro trimestre. O Real Decreto 149/2026, aprobado en febreiro, reforza a participación española nos esquemas europeos de apoio ao sector. A segunda convocatoria do Banco Europeo do Hidróxeno, publicada polo IDAE o 18 de marzo cunha dotación de 440,5 millóns de euros, e a convocatoria do Clean Hydrogen Partnership de Horizonte Europa son as principais oportunidades de financiamento ao alcance dos proxectos galegos a curto prazo.
Galicia parte con vantaxes estruturais notables: o 84,6% da súa enerxía producida é de orixe renovable, dispón de infraestruturas portuarias na Coruña, Ferrol e Vigo con potencial loxístico, e conta con solo industrial dispoñible en enclaves como As Pontes e Meirama. Con todo, o propio observatorio advirte de que os proxectos deben aínda pechar acordos de demanda industrial e que o desenvolvemento da rede eléctrica segue sendo un dos pescozos de botella máis críticos. Grupos ecoloxistas sinalaron en medios que se destinaron recursos públicos excesivos a expectativas que as propias empresas comezan a descartar, aínda que non se pronunciaron sobre este informe en concreto.
O segundo trimestre estará marcado pola tramitación da autorización ambiental de Accionaplug e as posibles resolucións da convocatoria do IDAE. O Observatorio publicará un novo informe ao peche do trimestre.
Escribe o teu comentario