Álex Bergantiños: "En dúas semanas fun máis mediático que en tres tempadas"
O xogador coruñés afirma que recuperou a confianza e que agora o equipo é "máis práctico e efectivo" en busca de resultados.
Álex Bergantiños ten claro o rumbo que tomou este Dépor de Pepe Mel: "O fútbol son resultados e hai que buscalos. Un equipo coma o noso que busca non descender ten que primar iso, ser máis práctico e efectivo". Nese camiño é consciente de que "agora veñen partidos seguidos moi importantes e non temos nada feito, unha parte intensa da tempada cunha marxe non tan grande sobre o descenso".
A nivel persoal recuperou a confianza ao volver xogar, polo "feito de que te sintas útil e que che axuden a participar no equipo". Así, é consciente de que "haberá anos que xogue 30 partidos e outros que xogue 5 e o importante é que eu estarei sempre o mellor preparado posible. Non serve de nada queixarte e deixar de adestrar ben para cando chegue a oportunidade aproveitala".
O mediocentro recoñece que "quizais eu non sexa un xogador de dez en ningunha das cualidades e teña que buscar esa media para ir convencendo o adestrador. É algo que non me é novo, sempre me tocou pelexar o posto".
A nivel persoal, afirma estar tranquilo, sen présa por renovar. "Agora mesmo cumpro 32 en xuño, teño un ano máis de contrato e contento de seguir no club da miña cidade e traballando para alongar o máximo posible a miña carreira", asegura.
"Agora o futuro é salvar ao Dépor esta tempada, que nos quedan 10 partidos complicados e xa veremos", dixo, resaltando como anécdota a súa situación: "igual que hai 3 meses ninguén me nomeada, en 2 semanas fun máis mediático que outras tres tempadas xuntas. É un tópico pero é así".
Agradece, neste sentido o apoio dos compañeiros, que "se poñen na túa situación de tanto tempo sen xogar e sen ir convocado", e da afección: "Á xente só podo agradecerlle que no tempo que non participei eran todo ánimos e apoio e agora a xente alégrase".
Escribe o teu comentario