A Xunta destina 1,7 millóns para equipos de protección do persoal contra incendios
Con esta partida vai dotar aos traballadores do Spdcif de novas botas, traxes, cascos, lentes, luvas e protectores de pescozo a medida que se van solicitando.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se fai pública a formalización do acordo marco para a subministración de equipamento de protección individual (EPI) ao persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (Spdcif) da Xunta durante os anos 2017 e 2018. O orzamento destinado a esta finalidade supera os 1,7 millóns de euros.
Con esta medida, segundo explicou o departamento autonómico nun comunicado, vai dotar aos traballadores do Spdcif de novas botas, traxes, cascos, lentes, luvas e de protectores de pescozo a medida que se van solicitando, xa que estes uniformes deben ser renovados cada certo tempo debido ao desgaste que sofren.
A consellería destacou que garante así a seguridade do seu persoal e mantén unhas condicións de traballo adecuadas co fin de reforzar un servizo imprescindible para a comunidade galega. Neste sentido, lembrou que destina máis de 52 millóns en prevención e extinción de incendios para este 2017.
Por outra banda, Medio Rural sinalou que, seguindo coa mellora do dispositivo de loita contra os incendios, no principio do ano renovou tamén o seu parque móbil, coa adquisición de 12 novos vehículos todoterreo, equipados cunha cisterna de 4.200 litros e cabina sinxela (con capacidade para dúas persoas) para os distritos forestais.
Estas 12 motobombas sumáronse ás 43 xa entregadas ao longo do ano 2016 aos distintos distritos forestais. A maiores, está aberto un procedemento de aluguer de 82 vehículos para o persoal fixo das brigadas dos distritos con labores de prevención e extinción de incendios, por un importe superior aos 250.000 euros.
Escribe o teu comentario