O goteo de incendios forestais continúa ás portas da primavera
Un bombeiro forestal, nunha queima controlada. // Foto: @AT_Brif
Faltan aínda tres días para que remate o inverno, pero o goteo de incendios forestais está a deixar o seu rastro nos montes galegos na estación, a priori, menos propicia. O incendio forestal iniciado na tarde do xoves no termo municipal de Piñor (Ourense) quedou extinguido na madrugada deste venres tras queimar unhas 25 hectáreas.
Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o incendio declarado ás 19,04 horas do xoves na parroquia de Corna quedou extinguido ás 00,30 horas deste venres. As estimacións provisionais apuntadas polo departamento de Medio Rural sitúan a superficie queimada por este lume forestal en 25 hectáreas.
Nos traballos de extinción deste incendio participaron un axente, cinco brigadas, tres motobombas e dúas pas.
En só unha semana e cando aínda é inverno, catro grandes incendios arrasaron polo menos 160 hectáreas de monte en Carballeda de Valdeorras, O Irixo, Entrimo e este mesmo de Piñor.
Escribe o teu comentario