Galicia non está equipada para a desestacionalización do lume

A asociación ATRIFOGA denuncia que Medio Rural continúe coa súa política de extinción no verán cando os incendios suceden, cada vez máis, tamén no inverno. 


|

Incendioforestal 2


A asociación ATRIFOGA --que comprende un total de 436 traballadores públicos do Servizo de Incendios da Consellería do Medio Rural (SPDCIF)-- vén de alertar, a través dun comunicado, da "preocupante falta de dotación de persoal e medios" ante a "imparable desestacionalización dos incendios forestais en Galicia" que, a xuízo do colectivo, "deixa en mans da improvisación" a súa propagación ante a "escaseza de recursos" que a Consellería de Medio Rural dedica durante os meses de inverno a prevención e extinción de incendios.


Na desestacionalización dos incendios xogan un papel protagonista as condicións meteorolóxicas inusuais deste inverno, subliña ATRIFOGA. Entre elas están o baixo nivel de humidade, o vento e o estado de sequidade da biomasa vexetal e do chan, con xeadas continuas que "secan a vexetación e a converten en combustible inflamable", o que provocou que en pleno mes de decembro "teñamos noticias continuas de incendios nas Comarcas do Deza, A Paradanta, Barbanza, Terra de Melide, Ferrol, Sarria, Terra Chá, Os Ancares" e un longo etcétera que enumera o portavoz do recentemente constituído colectivo, Luís González.


González advirte ademais que estes incendios adoitan pasar desapercibidos á opinión pública posto que a Consellería ten unha política de comunicación pola cal "só informa de incendios que superen as 20 hectáreas", mentres omite a existencia dos máis pequenos que "son superiores en número".


"Non arde só no verán, senón tamén en épocas nas que, por cuestións de meteoroloxía, e debido ao cambio climático que está a sufrir o Planeta, prodúcense ondas de incendios que provocan graves e cuantiosas perdas ecolóxicas, económicas e sociais", asegura González.


Ademais, o colectivo sinala que "curiosamente" os incendios que teñen lugar cada inverno afectan "case sempre" ás mesmas zonas, por exemplo Chandrexa de Queixa (Ourense) inmersa na Rede Natura, aos que habería que sumar "outros que se produciron en comarcas como Ortegal e a Mariña Lucense".


Non só hai incendios no inverno, que ademais afectan xeralmente ás mesmas zonas, segundo ATRIFOGA, senón que algúns dos máis voraces lumes que devoran o noso patrimonio natural producíronse precisamente en meses de inverno e primavera. "Convén lembrar, polas súas semellanzas orográficas e climatolóxicas con Galicia, a avalancha de incendios que sufriu a cornixa cantábrica precisamente en decembro de 2015, e que afectou a miles de hectáreas, moitas delas con gran valor ecolóxico".


Sen saír das fronteiras galegas, en marzo de 2012 tivo lugar aquel lume que arrasou as Fragas do Eume, o bosque atlántico mellor conservado de Europa. Naquel incendio arderon 800 hectáreas, case a metade en zona de especial reserva natural. "Foi un auténtico atentado e desastre de gran calado ambiental", afirma González, que lembra tamén "a intensa actividade incendiaria" que tanto no verán como no inverno converte ao Parque Natural da Serra do Xurés, na Baixa Limia, nunha "paraxe desoladora".


FALTA DE PLANIFICACIÓN


O colectivo sinala que, a pesar da evidencia dunha desestacionalización dos lumes forestais, tan dependentes do clima que este inverno nos deixou temperaturas de 20 graos en pleno decembro, a Consellería de Medio Rural mantén a súa "clara actitude de primar só a extinción, descoidando os labores básicos de prevención".


Desta forma, ATRIFOGA incide en que, o pasado 30 de setembro, Medio Rural procedeu a cesar de emprego e soldo a 436 traballadores con contratos de tres meses e fixo o propio con outros 626 empregados con contratos de 9 meses en novembro, deixando o Servizo de Incendios "baixo minimos" e aumentando o "risco" para o resto de traballadores que teñen que cubrir todas as quendas, algo que este colectivo considera "imposible".


"Medio Rural sostén que existe un dispositivo bastante amplo que cobre toda CCAA de Galicia cando, nestes meses de outono-inverno, o persoal laboral total descende a 877 traballadores", dos cales, indica González, "unicamente son persoal de campo 82 condutores de motobombas e 576 bombeiros forestais".


Ademais, sinalan que as brigadas forestais, que "teoricamente deberían estar compostas de 7 bombeiros", vense a miúdo moi mermadas por cuestións como libranzas, baixas ou permisos, polo que os distritos forestais sen suficientes medios se ven obrigados a mobilizar persoal de distritos "próximos". Aínda que esta práctica está dentro da normalidade, González cuestiona a proximidade de tales distritos que en ocasións están a "distancias considerables" que incrementan os tempos de reacción, tan determinantes na extinción do lume.


A xuízo de ATRIFOGA, esta "ausencia de previsión e planificación" pon de manifesto a "cuestionable xestión" que Medio Rural fai do Servizo de Incendios, "deixando todo a mans da improvisación", o cal non só ten consecuencias a nivel laboral, ecolóxico e social, senón que ademais facilita a propagación do lume e incrementa os tempos e gastos derivados da extinción, polo cal o argumento económico para a ausencia de contratación no inverno non acaba de convencer a ATRIFOGA: "Cae polo seu propio peso que esta non é a cuestión".


Por todo iso o colectivo reitera a súa petición de que Medio Rural recapacite sobre a súa política en canto ao Servizo de Incendios e empece a priorizar a prevención, coa consecuente prolongación dos contratos dos empregados do servizo que traballan unicamente durante o período denominado de alto risco e padecen "desprotección social" o resto do ano.

relacionada A Oficina Técnica da Seca recomenda o "uso responsable" da auga en Galicia
relacionada A seca deixa ao descuberto os vestixios do antigo pobo de Portomarín, en Belesar
relacionada Extinguido o incendio forestal en Carballeda de Valdeorras

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE