Nove concellos da Coruña suman servizos propios de normalización lingüística
En concreto, trátase dos municipios de Arzúa, Cedeira, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Sada, Oroso, Rianxo, Coristanco e Cambre.
Nove concellos da provincia da Coruña terán servizos de normalización lingüística de nova creación financiados pola Deputación, segundo informou o organismo provincial.
En concreto, serán os municipios de Arzúa, Cedeira, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Sada, Oroso, Rianxo, Coristanco e Cambre. En total, son 51 os concellos que contarán con este tipo de servizos, nove deles de nova creación e seis na fórmula de mancomunidades.
A liña de axudas convocada pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña incluía este ano como novidade a posibilidade de solicitar servizo para concellos de menos de 5.000 habitantes.
A convocatoria estaba dirixida a concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais "para a creación, mantemento e reforzo dos servizos que teñen como obxectivo a promoción do galego".
Escribe o teu comentario