Baiona convida os Reis a presidir o 525 aniversario da Arribada

Segundo o concello, é "un dos primeiros pasos" para organizar os actos de celebración do ano que vén. A vila considérase a primeira localidade de Europa en coñecer o descubrimento de América.


|

ArribadabaionacarabelapintaCarabela 'Pinta', en Baiona. //Foto: Turismo.gal 


O Concello de Baiona, que celebrará en marzo do próximo ano o 525 aniversario da 'Arribada' da carabela 'A Pinta' ao porto da localidade, cursou unha petición á Casa Real para que o acto institucional desta conmemoración estea presidido polo Rei de España, Filipe VI, e a Raíña Letizia.


Segundo informou o Concello de Baiona a través dun comunicado, o rexedor da localidade, Ángel Rodal, xunto ao seu homólogo de Santa Fe (Granada), Manuel Gil, e o tenente de alcalde de Palos de la Frontera (Huelva), Ricardo Bogado, asinaron unha carta dirixida ao Palacio da Zarzuela para convidar os monarcas ás celebracións dos tres concellos.


Nesta misiva, explican que "as tres localidades hermanadas e unidas pola historia colombina" iniciaron en 2012 un "proxecto conxunto" para que "sexan declaradas pola Unesco Patrimonio da Humanidade e lugar de encontro da Comunidade Iberoamericana de Nacións".


O actual xefe de Estado, lembrou o Concello de Baiona no comunicado, xa acudira ao municipio pontevedrés hai 25 anos, cando era Principie de Asturias, para conmemorar o V Centenario da 'Arribada'.


Esta festividade histórica celebra a chegada, en marzo do ano 1493, de Martín Alonso Pinzón á costa de Baiona trala súa viaxe a América, o que converteu a Real Vila na primeira de Europa en coñecer a noticia do descubrimento do Novo Mundo.


PRIMEIROS PASOS PARA ORGANIZAR O ANIVERSARIO


Segundo apuntou o Concello de Baiona, a invitación das súas Maxestades é "un dos primeiros pasos" para organizar o 525 aniversario.


Outro será o traslado da carabela 'A Pinta' ao estaleiro da Guarda, partida xa incluída nos orzamentos municipais de 2017. Alí realizaránselle traballos de mantemento "para que estea nas mellores condicións o próximo mes de marzo".


FESTA EN PALOS DE LA FRONTERA


Seguindo coas celebracións, durante a pasada fin de semana, informou o Concello, unha delegación baionesa, encabezada polo rexedor, desprazouse á localidade onubense de Palos de la Frontera para conmemorar a chegada o 15 de marzo de 1493 das carabelas 'A Nena', tras arribar primeiro en Lisboa, e 'A Pinta', tras ser reparada en Baiona.


A esta festividade tamén acudiron a tenente de alcalde e concelleira de Cultura de Baiona, María Iglesias, e a Coral Polifónica San Lorenzo de Belesar, que participou nos actos, da mesma forma que o facía 15 días antes a Coral Amigos de los Milagros nas festas da vila galega.


Así mesmo, o Concello de Baiona explicou que se elixiu esta Coral en concreto con motivo da celebración do 25 aniversario da fundación da mesma.

relacionada Filipe VI recibe na Zarzuela a Martiño Noriega
relacionada A Raíña Letizia pide que os colexios sexan os "grandes prescriptores de saúde"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE