Filipe VI recibe na Zarzuela a Martiño Noriega
O alcalde de Santiago solicitará que se convoque o Real Padroado, co obxectivo de lograr investimentos para a cidade para os Xacobeos de 2021 e 2026.
O rei Filipe VI recibirá este martes 7 de marzo no Palacio da Zarzuela ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen solicitará ao Xefe de Estado a convocatoria do Real Padroado, organismo que leva sen reunirse desde o ano 2003.
No encontro, Noriega pedirá ao rei Filipe VI a convocatoria do Real Padroado co obxectivo de lograr "investimentos, obras e servizos" para a cidade para os Xacobeos que se celebrarán nos anos 2021 e 2026.
A última reunión do Real Padroado, nacido no ano 1991, produciuse no ano 2003. Este organismo está composto polo rei de España como Presidente de Honra, o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e os ministros de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo; Asuntos Exteriores e Cooperación, Alfonso Dastis; Facenda e Función Pública, Cristóbal Montoro; Fomento, Íñigo de la Serna; e Economía, Luis de Guindos.
Ademais, completan o organigrama do Real Padroado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; o arcebispo de Santiago, Julián Barro; o reitor da USC, Juan Viaño; e o presidente do Consorcio e alcalde de Santiago, Martiño Noriega.
SEN REUNIRSE DESDE 2003
A primeira reunión deste órgano tivo lugar en 1992 e a intención era realizar un encontro o ano previo á celebración dun Ano Santo.
Con todo, o Real Padroado non se reuniu antes do último Xacobeo, en 2010. Agora, a intención do Concello de Santiago é retomar a actividade deste órgano no que os Gobernos estatal, autonómico e local colaboran para "a preservación e revitalización" da capital galega e o seu patrimonio.
Escribe o teu comentario