O Supremo absolve a un condenado por violar e maltratar a tres fillastras

O Alto Tribunal deixa libre a un veciño da Baña que levaba desde novembro de 2014 en prisión porque non atopa probas contra el | A súa ex-muller avisa que "acabará o que empezou".


|

Tribunalsupremofachada


O veciño da Baña Pedro Raño Espasandín, que levaba en prisión desde o 28 de novembro do 2014 tras ser condenado por violar e maltratar durante 12 anos ás súas tres fillastras, saíu o xoves da prisión coruñesa de Teixeiro ao ser absolto polo Tribunal Supremo.


O xuízo celebrouse os días 6, 7 e 8 de setembro de 2016. "Aínda que desde o principio foi acusado de maltratar e abusar tamén da súa muller e da única filla en común, por entón de tres anos, foi absolto no xuízo destes execrables delitos, ao non haber probas, pero o tribunal coruñés decidiu condenalo por violación e malos tratos ás súas 3 fillastras, a pesar da ausencia de indicios probatorios", segundo sostén a súa defensa.


A causa, que no seu momento creou alarma social e que convocou a manifestarse a varias asociacións como Stop Desafiuzamentos e outras en defensa das mulleres maltratadas na porta da Audiencia Provincial da Coruña durante a celebración do xuízo, "quedou pechada coa completa absolución de todos os cargos que se lle imputaban", segundo resalta a defensa deste home, trala decisión do Tribunal Supremo.


En concreto, no auto de posta en liberdade con data de 16 de marzo, recollido por Europa Press, sinálase que "se estimou o recurso de casación decretando a libre absolución do procesado polos tres delitos continuados contra a liberdade sexual polos que viña condenado".


Por iso, a Audiencia Provincial da Coruña indica no auto de posta en liberdade, que "debe cesar a situación de prisión provisional acordada polo Xulgado de Instrución Número 1 de Negreira o 28 de novembro de 2014" e prorrogada por auto da Sección 10 de outubro de 2016. "Procede deixar así mesmo sen efecto as penas de prohibición de aproximación e de comunicación acordada na sentenza", segundo concreta a Audiencia Provincial da Coruña.


AUSENCIA DE PROBAS


O avogado defensor Kostka Fernández, do despacho KNM Avogados, lembrou que defendeu desde o inicio "a ausencia de probas e que se estaba cometendo unha gran inxustiza, dando credibilidade a unhas simples declaracións, fronte a unha abafadora cantidade de probas que demostraban a inocencia de quen levaba en prisión dous anos".


Kostka Fernández sinala que foi a propia sala da Audiencia Provincial a que admitía na súa sentenza de outubro do ano pasado "a ausencia de probas concluíntes", e sostiña na resolución condenatoria que estaban "ante unha ponderación de credibilidades, na que a sala, sen ignorar a boa opinión que del tiñan un bo número de persoas, opta pola versión dada polas tres fillas da esposa do procesado", argumento que, segundo o defensor, "de forma tallante tumba o Tribunal Supremo, trala presentación do recurso de casación".


Kostka Fernández durante o xuízo puxo de manifesto que a ex esposa xa denunciara o seu primeiro marido por feitos similares e que, finalmente, demostrouse que "todo fora unha mentira e unha denuncia falsa, como agora", segundo concreta o letrado.


"VAI VIR A POR NÓS"


A muller do liberado pediu que "se revise o caso". "Vai vir a por nós e acabar o que empezou", advertiu.


A muller, de nome Patricia, comentou que ela e as súas fillas están "asustadas e escondidas" e unicamente sairán o mediodía deste venres para acudir aos xulgados composteláns de Fontiñas a pedir "xustiza".


"Vou ao xulgado para pedir que se me escoite e que se revise o caso", avanzou a muller, que anunciou que en caso contrario vai iniciar unha "folga de fame" para reclamar "xustiza".


"Sabemos a verdade. Non imos mentir nalgo tan grave", asegurou. "Ten que morrer unha de nós?", preguntou, á vez que recoñeceu que está "decepcionada" coa Xustiza. "De que sirve se ao final ninguén nos está protexendo? Como se pode permitir isto?", cuestionou.


Patricia insistiu ademais en que "si hai probas" das violacións denunciadas. "Non mentimos", recalcou. "Absolvérono sen tempo de aviso. Non comprendemos o por que, nin como foi", sentenciou.


Por iso, insiste en pedir que "se revise" a causa e subliñou que, xunto ás súas fillas, vai loitar "para que se faga xustiza". "Vou suplicar que se siga o procedemento. Que se faga algo", concluíu.

relacionada Investigan unha violación a unha menor que puido ser drogada con burundanga en Narón
relacionada O home acusado de abusar sexualmente das súas dúas fillas en Redondela evita o cárcere

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE