O Dépor salva un punto no desconto grazas a un penalti

(1-1). Pepe Mel valora que co resultado en contra o equipo non baixou os brazos e creu no empate.


|

Deporabrazo

O once inicial, antes do encontro. //Fonte: RC Deportivo


O Deportivo salvou, ante un Betis que se adiantou cun gol de rebote, un punto no tempo engadido, grazas a un penalti transformado por Celso Borges, para manterse invicto con Pepe Mel no banco e para afastarse a cinco puntos da zona de descenso.


O adestrador deportivista realizou un só troco con respecto ao equipo que gañou o pasado domingo no Molinón. Fernando Navarro saíu do once titular para dar entrada a Carles Gil, co que Luisinho, que actuou de extremo ante o Sporting, atrasou a súa posición para ocupar o lateral esquerdo.


O Deportivo non puido facerse coa pelota ante un Betis cos laterais moi adiantados e cun mediocampo moi poboado. O primeiro lanzamento do Dépor chegou aos 18 minutos, despois dunha longa xogada de ataque iniciada nun saque de esquina  e ata o minuto 36 non houbo achegamentos a ningunha portería, co Dépor un pouco máis dominador.


A segunda parte comezou máis equilibrada que a primeira. Non foi ata o minuto 56 cando se produciu a primeira acción de verdadeiro perigo. Emre Çolak, desde moi lonxe e moi escorado cara á dereita do ataque coruñés, enganchou un tremendo zurdazo que Adán desviou a córner.


No minuto 70, o Betis adiantouse no marcador. Foi á saída dun novo saque de esquina, despexado en curto pola zaga deportivista, que recolleu Piccini. O italiano disparou mal coa esquerda, pero o esférico rebotou en Borges e o lanzamento envelenouse, descolocando a Lux e entrando tras rebotar no interior do pau dereito do portal deportivista.


Sete minutos despois, Dani Ceballos desperdiciou a posibilidade de sentenciar o encontro, o canteirán bético quedou só ante Lux pero cruzou en exceso o seu remate buscando o segundo pau.


Tivo Joselu un par de ocasións ata que no minuto 89, Florin Andone rematou un centro de Juanfran desde a dereita que non entrou por milímetros.


Xa no segundo minuto de desconto, o colexiado sinalou penalti por un cobadazo de Germán Pezzella a Celso Borges cando se dispoñía a cabecear un centro de Emre Çolak. O propio centrocampista costarriqueño encargouse de transformar a pena máxima. Foi o seu sexto tanto no que vai de campionato.


Non houbo tempo para moito máis e con este empate, o Deportivo sitúase, xa a igualdade de partidos disputados con todos os seus rivais directos, con 24 puntos, 5 por encima do Granada, equipo que marca as posicións de descenso.


"NON ESTIVEMOS NO PARTIDO"


"Creo que non entendemos moi ben a primeira parte e o esquema que nos propoñía o Betis. Faláramolo pero non saíron as cousas ben. Nos primeiros 25 minutos da primeira parte creo que non estivemos no partido", analizou Pepe Mel


"Valoro moito que co resultado en contra noutras situacións o Dépor baixou os brazos, e esta vez cría no empate e mesmo co empate cría na vitoria", aseverou o preparador deportivista.


Sobre a xogada do penalti que valeu o empate, o adestrador do Deportivo foi rotundo: "Vino moi claro" e quixo deixar claro que el marcou a orde de lanzadores: "O primeiro é Celso, o segundo Fajr e o terceiro Andone".


FICHA


RC Deportivo: Lux, Juanfran, Arribas, Sidnei (Albentosa, min. 67), Luisinho, Borges, Pedro Mosquera, Fayçal Fajr (Joselu, min. 74), Emre Çolak, Carles Gil (Ola John, min. 80) e Andone.


Real Betis: Adán, Piccini, Mandi, Pezzella, Tosca, Durmisi, Brasanac (Rafa Navarro, min. 86), Donk (Petros, min. 62), Rubén Pardo (Álex Martínez, min. 82), Dani Ceballos e Sanabria.


Goles: 0-1 Piccini (min. 70); 1-1 Borges, de penalti (min. 90+3).

relacionada Pepe Mel: "A miña obsesión é que todos os futbolistas pensen que o adestrador conta con eles"
relacionada O Dépor respira coa súa primeira vitoria a domicilio da liga

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE