O Dépor respira coa súa primeira vitoria a domicilio da liga

(0-1). Pedro Mosquera marcou un gol que rompe a mala serie deportivista ante un rival directo como é o Sporting.


|

PedromosqueradeporcelebracionMosquera celebra o tanto que vale ouro. // Fonte: RC Deportivo


O Deportivo impúxose no Molinón cun solitario gol de Pedro Mosquera no tempo engadido da primeira metade, nun partido no que os coruñeses foron superiores e mesmo fallaron un penalti na primeira metade e apenas foron capaces de pasar de mediocampo nunha interminable segunda parte.


Pepe Mel, técnico branquiazul, realizou unha soa modificación con respecto ao partido do pasado xoves ante o Atlético de Madrid. Fernando Navarro entrou no once titular en detrimento de Gaël Kakuta. Luisinho, lateral esquerdo ante os colchoneiros, adiantou a súa posición para actuar na liña de tres cuartos.


Tras un comezo de encontro no que o Deportivo monopolizou a posesión, a primeira ocasión clara foi para o Sporting de Xixón. No minuto 9, Canella desbordou por banda esquerda e deixou o balón raso ao bordo da área para a chegada de Sergio Álvarez, que rematou alto.


A pesar de que seguiu mantendo o dominio do coiro con longas posesións, non disparou o Deportivo ata o minuto 21, nunha chegada pola dereita de Juanfran, que centrou para Florin Andone, que non puido chegar. Si o fixo Luisinho, que coa súa perna mala rematou desviado, á esquerda de Cuéllar.


Superada a media hora, Emre Çolak botou un saque de esquina que Vesga despexou coa súa man dereita cando Celso Borges se dispoñía a cabecear. O propio futbolista turco encargouse executar o lanzamento desde o punto de penalti, que detivo Cuéllar lanzándose cara á súa esquerda. Corría o minuto 32.


Case sen tempo para respirar, Lux evitou o primeiro tanto do Sporting, nun disparo raso de Burgui que buscaba a cepa do pau dereito do portal deportivista.


Despois duns minutos nos que o partido se converteu nunha ida e volta, o tramo final do primeiro período volveu levar o xogo polos camiños iniciais.


Ao fío do minuto 45, Andone realizou o primeiro disparo en xogo do Deportivo entre os tres paus. E no tempo engadido, tras outra xogada pelexada polo dianteiro romanés que provocou un saque de esquina, no lanzamento do mesmo por parte de Fayçal Fajr, chegou o 0-1. Pedro Mosquera, no segundo pau e sen saltar, rematou coa cabeza pegado ao poste esquerdo da portería xixonesa para adiantar o conxunto herculino. Foi o segundo tanto do mediocentro coruñés esta tempada, tamén o segundo desde que viste de branquiazul.


O Deportivo cedeu o dominio da posesión na segunda metade, o que se traduciu nunha case permanente estancia do conxunto asturiano na metade herculina do terreo de xogo.


Superada a hora de partido, Traoré cabeceou un centro desde a dereita do ataque local, desviado á dereita do portal de Lux, na primeira oportunidade clara do equipo xixonés neste período.


No minuto 72, Borges tivo a oportunidade de ampliar diferenzas. O costarriqueño quixo coller a contrapé a Cuéllar ao cabecear un centro de Luisinho, pero nin atopou portería nin a testa de Arribas ou Joselu.


Dez minutos despois, o Sporting gozou da súa mellor ocasión en todo o partido. Centrou Amorebieta, Carlos Castro baixouna co peito para Traoré e o marfileño, no seu remate coa esquerda ao bordo da área pequena, topouse coa luva dereita de Lux.


Con esta vitoria, a primeira lonxe de Riazor esta tempada, o Deportivo consegue moito máis que tres puntos. O triunfo en Xixón puxo fin a unha serie de oito partidos sen gañar, rompeu unha serie de cinco encontros sen vencer no Molinón, onde non triunfaba desde o 13 de xaneiro de 1999 e distanciou a seis puntos máis o gol average a un rival directo como o Sporting. Ademais, o Deportivo mantivo a súa porta a cero por primeira vez desde o empate sen goles ante o Vilarreal (fai sete xornadas) e ve como a zona de descenso que marca o Granada (cun partido máis) queda agora a catro puntos de distancia.

relacionada Un punto e boa imaxe no 'reinicio' do Dépor con novo adestrador
relacionada Garitano despídese do Dépor: "Sacariamos adiante a situación"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE