A Xunta asumirá a contratación de Policía Local de municipios que o soliciten

|

Policialocal


A Xunta asumirá o proceso de selección de persoal para o corpo da Policía Local dos municipios que o soliciten e creará unha "bolsa de interinos" para a cobertura de prazas deste corpo que serán reservadas para os primeiros números da lista destas probas que non conseguisen praza.


Este venres en Santiago, o número dous do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, asinaron o convenio de colaboración polo cal a Xunta se compromete a asumir o proceso de probas de acceso á Policía Local.


Trátase dunha das peticións trasladadas por Alfredo García na reunión que mantivo hai un mes co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e co propio Rueda. Nela, o primeiro solicitou a "axuda" da Xunta ante este "proceso complexo" no que os concellos máis pequenos teñen "dificultades" para afrontalo, o que "bloquea o funcionamento" deste corpo.


Así, os concellos que o soliciten poderán delegar na Administración autonómica o proceso de selección de persoal para a Policía Local, que será asumido pola Xunta a través da Academia Galega de Seguridade, ente dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.


O titular desta carteira, Alfonso Rueda, celebrou unha medida que se poñerá en marcha "nun prazo máximo de seis meses" nos que os municipios que o desexen poderán adherirse a unha medida que espera que estea lista "a finais de ano".


BOLSA DE INTERINOS


Ademais, avanzou que a Xunta creará unha "bolsa de interinos" para que "os seguintes na orde de selección" das probas de Oferta Emprego Público (OPE) para a Policía Local poidan "cubrir prazas vacantes".


Así mesmo, Rueda apuntou que a medida ten a "vantaxe" de que a Xunta conta "cos coñecementos suficientes para facer selección", xa que é esta administración a que se encarga de formar aos axentes unha vez superan as probas de acceso, previo paso ao seu ingreso no corpo.


Outra das novidades incorporadas no proceso de "homologación" da Policía Local no ámbito autonómico é que a persoa que supere a proba e consiga unha praza "poderá traballar no concello que queira".


Galicia dispón dun total de 3.200 policías locais repartidos nos 130 concellos que contan con este corpo.

relacionada A falta de policías nacionais en Marín deixa soa á local nalgunhas quendas
relacionada Que facían 13 policías locais de Lugo na cafetería durante a súa quenda de traballo?
relacionada Policías denuncian que "hai días" en que dispoñen de só "un coche patrulla" en todo Lugo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress