A Deputación de Pontevedra impulsa créditos vantaxosos para familias, pemes e autónomos

|

Dinerobilletesgalculadora


A Deputación de Pontevedra e Abanca asinaron este martes unha nova liña de crédito de 50 millóns de euros para familias, pemes, micropemes, persoas autónomas e corporacións locais da provincia. Trátase dunha renovación do Plan Activamos na que se incrementa un seis por cento o volume financiado con respecto ao último convenio.


Nos seus dous anos e medio de vixencia, iniciouse en xullo de 2014, este programa financeiro leva concedidos 116,8 millóns de euros mediante un total de 5.179 créditos brandos, destinados, principalmente, a proxectos de emprendemento, novos investimentos e circulante empresarial, segundo comentaron.


O crédito amparado polo Plan Activamos conta cunhas condicións financeiras moi vantaxosas, segundo destacaron, como tipos de interese por baixo do mercado, cero comisións de estudo, amortización ou cancelación anticipada; amplos prazos de amortización e posibilidade de carencia naquelas modalidades nas que o cliente necesite un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.


Tras asinar o protocolo de colaboración a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, informaron das novidades deste ano.


Deste xeito, resaltaron os créditos para a rehabilitación de vivendas unifamiliares en poboacións da provincia de menos de 20.000 habitantes e tamén apuntaron as axudas ás persoas con diversidade funcional para a compra de material ortopédico.


CONVENIO "DINÁMICO"


En concreto, Santiago Novoa definiu o Plan Activamos como un convenio "vivo, dinámico, flexible, revisable tanto en prezos coma no importe de financiamento establecido; integrador e transparente, ademais de garante da inclusión financeira".


As corporacións locais tamén poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e para atender necesidades de tesourería.

relacionada A Xunta e a Deputación de Pontevedra formulan un intercambio de competencias

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress