A Xunta e a Deputación de Pontevedra formulan un intercambio de competencias
Ambas as administracións xestionan na actualidade servizos que lle corresponden á outra. Carmela Silva pide que as responsabilidades sexan acordes ao financiamento.
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo unha reunión coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na que tamén participou o vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda. Trátase do primeiro dos encontros que Feijóo manterá cos dirixentes provinciais no inicio da súa terceira lexislatura á fronte da Xunta.
Ao termo do encontro, que se produciu no despacho do presidente en San Caetano e que durou ao redor de dúas horas, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, resaltou a necesidade de "facer o esforzo" por "manter unha relación de lealdade institucional" entre Xunta e ente provincial para poder "traballar conxuntamente".
"A cidadanía xa non soporta as confrontacións polas confrontacións. Espero que o poidamos conseguir", declarou ante os medios Silva, que se mostrou "satisfeita" por unha reunión na que expuxo a Feijóo a transferencia a mans provinciais de varias competencias que actualmente xestiona a Xunta, que tamén pediu á Deputación que asuma a titularidade de determinados aspectos que actualmente recaen sobre o Goberno galego.
No ano 2012, Feijóo e os por aquel entón presidentes provinciais asinaron un protocolo que pretendía "evitar duplicidades" na xestión de competencias baixo o mandato: "unha administración, unha competencia, un servizo".
Neste sentido, a preguntas dos medios, o vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, sinalou que o obxectivo das reunións que manterá o máximo mandatario galego cos presidentes provinciais é "desenvolver" ese protocolo para estudar "quen debe exercer" determinadas competencias e que, deste xeito, "sexan exercidas por quen sexa máis idóneo" para "ser o máis eficaces posible".
"Espero que a partir de agora todo isto se vaia desenvolvendo e frutificando en acordos", apuntou Rueda, quen avanzou que nas próximas semanas Feijóo reunirase cos presidentes das deputacións de Ourense e Lugo.
TRANSFERENCIA DO PRÍNCIPE FELIPE
Uno dos puntos principais expostos á Xunta por Silva foi a transferencia a mans autonómicas da xestión da Cidade Infantil Príncipe Felipe, actualmente de titularidade provincial a pesar de que, como destacou a presidenta, a Deputación "non ten competencias en Eduación".
Así as cousas, a Deputación de Pontevedra comezará a elaborar "de forma inmediata" un estudo sobre "todos os custos" do Príncipe Felipe que será remitida ao Goberno galego, que valorará o traspaso da titularidade do centro educativo á Consellería de Educación.
Así mesmo, as administracións abordaron a posibilidade do cambio de titularidade de varias estradas da provincia. En concreto, Deputación reclama á Xunta que asuma a xestión de 15 estradas, mentres que o Goberno galego pide o propio con outros 14 viarios da provincia.
EMERXENCIAS E SANEAMENTO
Alfonso Rueda declarou que na actualidade a Xunta de Galicia se encarga do saneamento de varios puntos da provincia de Pontevedra que poderían pasar a mans locais, algo que tamén podería ocorrer no ámbito das xestión das emerxencias, xa que o Goberno autonómico asume "unha serie de competencias que a lei de emerxencias atribúe a deputacións e concellos".
En relación a este punto, Carmela Silva apuntou que é preciso "traballar" no "consorcio de bombeiros" co que o ente provincial e a Xunta colaboran para a atención de emerxencias debido á existencia de "zonas de sombra".
Para iso, sinalou que a Deputación de Pontevedra elaborou un estudo sobre estes puntos para tratar de "cubrir" as áreas que quedan fóra da cobertura da atención ás emerxencias.
REPARTO DE FONDOS LOCAIS
Por último, Carmela Silva trasladou á Xunta a petición de que se leve a cabo unha "nova lei de fondos locais" para que a "repartición" do financiamento aos municipios non se produza con "discrecionalidade" a través da fixación de "uns criterios claros".
Tamén chamou ao Goberno galego a impulsar "un plan de actuación" para a reforma dos centros educativos e de saúde, unha petición chegada de parte de "todos os alcaldes" da provincia pero que, na súa opinión, é extensible a toda Galicia.
Escribe o teu comentario