A Audiencia ordena reabrir a causa sobre os insultos machistas a Carmela Silva
O ex concelleiro de Moraña Jorge Caldas (PP) e un veciño chamaran a Silva "mala zorra e lercha", "menuda furcia" ou "filla de puta" en facebook.
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra estimou os recursos presentados pola Deputación e pola Fiscalía, e ordenou que se practiquen dilixencias de investigación sobre un posible delito de inxurias, en relación cos insultos vertidos por un ex concelleiro do PP de Moraña e un veciño desta localidade na rede social Facebook.
Segundo o auto, ao que tivo acceso Europa Press, o sobresemento provisional ditado polo xulgado de instrución número 3 de Pontevedra levou ao "peche precipitado do procedemento", sen que se practicase "dilixencia algunha tendente a indagar a verdadeira finalidade das expresións publicadas".
A denuncia interpúxose despois de que o entón concelleiro Jorge Caldas e un veciño de Moraña intercambiasen en Facebook comentarios sobre Carmela Silva, utilizando expresións como "mala zorra e lercha", "menuda furcia" ou "filla de puta".
No seu día, o xulgado de instrución arquivou as actuacións ao entender que estas afirmacións tiñan a súa orixe nun pleno da Deputación, no que a institución provincial se negou a achegar financiamento para un evento deportivo (Rally Rías Baixas) e que se amparaban no dereito á liberdade de expresión.
EXPRESIÓNS "OBXECTIVAMENTE OFENSIVAS"
Con todo, a Audiencia advirte de que o arquivo foi "precipitado" e que "non se pode perder de vista que tales expresións non se pronuncian no devandito pleno, senón horas despois, e a través dunha rede social de gran difusión". A iso súmase, sinala no auto, que se trata de expresións "sen dúbida, obxectivamente ofensivas", coincidindo co criterio dos recorrentes, que sosteñen que "exceden" os límites da liberdade de expresión e "do dereito de crítica que un personaxe público deba soportar".
Por iso, o tribunal provincial estimou os recursos de apelación e revoga "integramente" a resolución do xulgado de instrución número 3 de Pontevedra, ordenando que se practiquen "as dilixencias de investigación que se se consideren necesarias para o total esclarecemento dos feitos".
Escribe o teu comentario