Podemos pretende limitar a capacidade de veto do Goberno no Congreso
No que vai de lexislatura, o Executivo de Rajoy bloqueou unha vintena de proposicións da oposición e parlamentos autonómicos.
O grupo parlamentario de Unidos Podemos está a ultimar unha proposta de reforma do Regulamento do Congreso para limitar a capacidade que ten o Goberno de vetar a tramitación de iniciativas lexislativas dos grupos parlamentarios, axustándoa á doutrina do Tribunal Constitucional.
A capacidade de veto do Goberno ten a súa orixe no artigo 134.6 da Constitución, que establece que "toda proposición ou emenda que supoña aumento dos créditos ou diminución dos ingresos orzamentarios requirirá a conformidade do Goberno para a súa tramitación".
Segundo avanzaron a Europa Press fontes de Unidos Podemos, a proposición de lei de reforma do Regulamento do Congreso que teñen previsto rexistrar nos próximos días busca modificar o artigo 126 das normas parlamentarias que desenvolve ese principio constitucional.
UNHA VINTENA DE LEIS CONXELADAS
En virtude destes preceptos, o Goberno de Mariano Rajoy acumula xa unha veitena de vetos a proposicións de lei da oposición ou de parlamentos autonómicos cando só transcorreron sete meses de lexislatura.
Desde Unidos Podemos denuncian que este "abuso" da competencia para frear a tramitación de propostas da oposición está a minguar considerablemente a capacidade lexislativa da Cámara e, ademais, defenden que o Executivo utiliza esta ferramenta desatendendo a doutrina do Tribunal Constitucional.
Neste sentido, subliñan que o Alto Tribunal deixou claro en varias sentenzas que o Goberno ten capacidade de veto pero só se a iniciativa en cuestión trastorna as previsións orzamentarias do exercicio en curso, é dicir, que non pode frear a tramitación de iniciativas se estas implican redución de ingresos ou aumento de gasto para o orzamento do ano seguinte. E iso é o que pretenden que se recolla expresamente nunha nova redacción do artigo 126 do Regulamento do Congreso.
O TC TEN UNHA SENTENZA PENDENTE
De entrada, o Tribunal Constitucional ten pendentes de sentenza os dous recursos do Goberno contra as decisións que adoptou a Mesa do Congreso, desatendendo os vetos do Executivo, de continuar a tramitación de dúas proposicións de lei do PSOE, unha sobre a paralización da Lei Orgánica de Mellora da Calidade do Ensino (LOMCE) e outra para equiparar as condicións laborais dos traballadores de subcontratas.
En todo caso, ese articulo dos vetos só é o primeiro que queren reformar, pois Unidos Podemos considera necesario avanzar nunha modificación global das regras de funcionamento da Cámara Baixa, que datan de 1982 e que só se someteron a retoques puntuais.
Por iso pediron en varias ocasións verbalmente á presidenta do Congreso, Ana Pastor, que reúna a Comisión de Regulamento que ela mesma preside para que os grupos poidan ir rexistrando as súas propostas de cambios.
Tradicionalmente a Comisión de Regulamento só se convoca se hai un acordo dos grupos para tentar reformalo. Con todo, as dúas últimas veces que se tentou foi un fracaso. Non o lograron nin baixo a presidencia do socialista Manuel Marín (2004-2008), nin baixo a do 'popular' Jesús Posada (2011-2015).
Escribe o teu comentario