Tino Fernández presentouse en Abegondo para unha charla cos xogadores
O presidente do Dépor quixo mandar unha mensaxe de confianza ao cadro branquiazul "con bo ton", como contou Celso Borges.
O presidente do Dépor, cos medios. //Fonte: RC Deportivo
A dous días do partido ante o Leganés, Tino Fernández presentouse esta mañá en Abegondo para dá unha mensaxe de ánimo e confianza ao equipo. Tal e como contou máis tarde Celso Borges, foi unha charla "con bo ton".
"A visita de Tino Fernández foi moi positiva, creo que este tipo de cuestións foron mellorando bastante. O que fixo é reforzar a confianza que nos ten a todos", apuntou o tico.
Para Celso Borges, é "bo escoitar unha mensaxe do comandante deste barco. É bo saber que a xente está presente nas alegrías e nos momentos malos". O centrocampista destacou o "bo ton" da charla, onde o presidente lles manifestou a súa confianza en que poidan sacar adiante a situación. Destaca ademais que Tino Fernández "sempre fala dunha maneira bastante elocuente, elegante, como é el".
Os Servizos Médicos do Dépor agardarán a mañá venres para ver como responde o nocello dereito de Celso Borges, tras a escordadura que sufriu o pasado martes nun lance fortuíto do adestramento.
ADESTRAMENTO SUAVE
Como é habitual dous días antes de cada partido, o primeiro equipo rebaixou a carga de traballo. Gaizka Garitano dispuxo dun adestramento principalmente lúdico, con xogos, rondos e fútbol tenis. Tan só traballou durante 20 minutos movementos tácticos en defensa.
Mañá venres, o equipo adestrarase en Riazor, a porta pechada, na última sesión previa ao partido en Butarque, ante o Leganés, deste sábado.
Escribe o teu comentario