Riazor perde a paciencia cunha nova derrota do Dépor
(0-1). Tanto os xogadores coma o técnico comprenden o enfado da afección tras caer ante o Alavés, a pesar de facer un bo partido.
Outros tres puntos que escapan. //Fonte: RC Deportivo
Terceira derrota consecutiva do Dépor e dous meses sen gañar. Unha situación límite que provocou o enfado de Riazor co seu equipo. Sobre o céspede, un déjà vu coñecido, bo encontro dos coruñeses, pero cero puntos.
Os futbolistas branquiazuis que atenderon os medios de comunicación na zona mixta de Riazor, tras o partido ante o Alavés, comprenderon o enfado da afección deportivista unha vez concluído o partido.
"É normal. Nós tamén queremos gañar. Neste novo curso estamos a tentalo todo, pero a sorte non nos acompaña", dixo Luisinho.
Nos mesmos termos expresouse Juanfran: "No 2017 non lles demos unha alegría. A afección estivo durante o partido, que é o importante. Logo ten que expresar a súa opinión. Nós respectámola. O que temos que facer é darlle unha alegría e seguro que aplauden", subliñou.
GARITANO, NUNHA "SITUACIÓN DIFÍCIL"
O adestrador deportivista, Gaizka Garitano, admitiu que se atopa en "unha situación difícil", que era consciente de que era un partido que "se ía decidir por un gol" e recoñeceu que "é lóxico" como reaccionou o público tras a derrota ante o Alavés. "Era un partido crucial, é un momento moi duro", lamentou o adestrador.
O Dépor non fixo mal partido. Sobre todo no primeiro tempo tivo ocasións para marcar. Tras a continuación, o equipo estivo menos vivo e co gol encaixado veu´se abaixo.
A mala fortuna impediu que o Dépor tomase vantaxe no marcador ao fío do minuto 20. Tras unha brillante xogada colectiva, entre Bruno Gama, Andone e Kakuta, este ultimo rematou colocado, polo único lugar polo que podía coar a pelota, desde preto do punto de penalti. O traveseiro repeleu o remate do galo, a cuxo rexeite chegou Juanfran coa cabeza. Pacheco, á desesperada, conseguiu reter o balón entre as súas pernas.
Case de inmediato, Deyverson cazou un balón longo para plantarse só ante Lux, pero o brasileiro enviou ás nubes a mellor oportunidade do conxunto vitoriano ata entón.
Os deportivistas encerraron á formación visitante nos seguintes minutos, forzando constantes saques de esquina e faltas nas inmediacións da área do equipo vasco, aínda que sen xerar ningunha oportunidade digna de mención ata que se alcanzou o intermedio.
Na segunda metade, o Deportivo tardou dez minutos en achegarse con perigo a Pacheco. No minuto 68, chegaría o único gol do partido. O Alavés adiantouse no marcador nun penalti transformado por Manu García, que o colexiado sinalou por falta de Raúl Albentosa sobre o propio lanzador da pena máxima.
Os branquiazuis non tiveron capacidade de resposta e o Alavés estivo a piques de marcar o segundo gol no minuto 86, nun novo centro de Gaizka Toquero ao que chegou Manu García.
Xa no tempo engadido, na segunda xogada dun saque de esquina, Feddal rexeitou sobre a mesma liña de gol un zambombazo de Fayçal Fajr que, con Pacheco superado, entraba na portería.
Escribe o teu comentario