Andone, sobre o Alavés: "É un rival ao que non me gusta enfrontarme"
"Son fodidos de verdade: fortes, rochosos, intensos...", declara o romanés. En todo caso, celebra volver xogar en Riazor.
Florin Andone compereció ante os medios. // Fonte: RC Deportivo
O Dépor volve xogar esta semana en Riazor e Andone confía en conseguir na casa un cambio de rumbo para o equipo, que ten xa a tres puntos ao Sporting. "Que mellor que facelo na nosa casa, onde celebramos unha fortaleza importante. Temos moitas ganas porque levamos xa catro semanas fóra, queremos volver sentirnos cómodos e apoiados pola nosa xente", declarou o dianteiro.
Andone fai autocrítica: "Non gañamos aínda este ano, iso quere dicir que hai cousas que non estamos a facer de todo ben. Pero somos conscientes de que temos que seguir nesta liña de xogo e actitude". En calquera caso, achaca a mala serie tamén a pequenos detalles que decantan os partidos igualados, pois considera que "o outro día xogamos mellor que o Atheltic, pero no 90 métennos un gol en fóra de xogo... na ida nós metemos un gol legal e anuláronnolo. Nas Palmas fixemos un partido malo, xutamos unha vez e marcamos. O fútbol é caprichoso ás veces".
O desta fin de semana será o cuarto partido contra o Alavés, un conxunto incómodo para Andone, aínda que non os ve por encima do equipo herculino: "Non envexo o Alavés, creo que temos mellor equipo e mellores xogadores". Aínda así, o goleador branquiazul asegura que non pasará un bo intre o sábado: "É un rival ao que non me gusta enfrontarme, son fodidos de verdade. Fortes, rochosos, intensos... tes que tragar e apertar todo o partido. Gústanme máis outro tipo de rivais, que xoguen o balón, máis brandos".
OBRAS EN RIAZOR
O Deportivo e o Concello reuníronse este mediodía para abordar a reforma da cuberta de Riazor. Nela o Concello presentou ao club a proposta que tería un custo de sete millóns de euros que asumiría o ente municipal e comezaría sempre antes do 30 de xuño do 2018.
Xiao Varela, o concelleiro de Rexeneración Urbana, remarcou "o compromiso" do Concello co Deportivo: "Para nós esta obra é primrodial, o Deportivo é unha institución clave, o noso compromiso co Deportivo é absoluto, e proba diso é o aumento dos orzamentos dos tres aos sete millóns de euros", explicaba.
Escribe o teu comentario