Xulgan ao delegado da CIG de Ferrol acusado de ultraxar a bandeira española
O representante sindical nega que pronunciara as palabras que se lle atribúen: "Esa puta bandeira ímola queimar".
Un delegado da Federación de Servizos da CIG en Ferrol, Pablo Fragoso, será xulgado este martes, 21 de febreiro, no Xulgado do Penal número 1 desta cidade, acusado dun presunto delito de ultraxe á bandeira nacional.
Os feitos tiveron lugar durante unha concentración realizada ás portas do Arsenal Militar de Ferrol, convocada para protestar pola situación laboral que atravesaban os traballadores da empresa Cleanet, concesionaria do servizo de limpeza nestas instalacións militares.
Fragoso considerou que terá que sentar no banco dos acusados por "unha vinganza do almirante", en alusión ao almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol naquel momento, Manuel Garát Caramé, "polo conflito laboral en si".
O integrante do sindicato asegurou que o proceso se iniciou no ano 2014, "tras presentar unha infante un escrito" no que sostén que escoitou ao acusado dicir "esa puta bandeira imos queimar". Fiscalía pide unha pena de noves meses de multa a razón de sete euros diarios, é dicir, 1.890 euros, por unhas afirmacións que Fragoso asegurou que non son certas e que el nunca pronunciou.
O acusado mostrou tamén as súas dúbidas de "como é posible que estando concentrados na beirarrúa de en fronte, facendo soar potas, tixolas, bubucelas e berrando", unha persoa situada "a uns 40 metros, dentro dunha garita", poida "escoitar tan nítidamente esta frase".
DEFENSA DAS TRABALLADORAS
Rocío Doce, responsable de Organización da Federación de Servizos da CIG en Ferrol, asegurou que non ten constancia "de que en ningún momento se realizase ningún tipo de inxuria á bandeira".
"Nós somos civís e sempre respectamos que os militares se teñan que cadrar ante a bandeira, que teñan que escoitar o himno, pero nós estabamos alí con traballadoras que estaban a defender o seu pan, con respecto, e estimamos que isto está por enriba de calquera circunstancia militar", sentenciou.
Escribe o teu comentario