Pontevedra contará desde o martes cun novo punto fixo de doazón
A Axencia de Doazón abre un local na praza do Hospital Provincial que dispón de tres postos para doadores.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) poñerá este martes, 21 de febreiro, en funcionamento o novo punto fixo de doazón de sangue para a cidade de Pontevedra.
Segundo informa a entidade, o local de atención permanente ao doante de sangue situarase na praza do Hospital Provincial, á beira do novo aparcadoiro, unha localización céntrica e de fácil acceso para os cidadáns "que mellora o servizo que ADOS presta aos veciños" de Pontevedra.
O novo local de ADOS no Hospital Provincial de Pontevedra conta cunha superficie de case 75 metros cadrados, o que incrementa un 50 por cento o espazo con respecto ao anterior e dispón de tres postos de doazón que permitirán doar polo modo convencional e polo sistema de aférese.
O novo local, segundo explica ADOS, situado nun módulo situado á beira do aparcadoiro do centro hospitalario, conta cun "adecuado sistema de illamento" e está dotado de calefacción e aire acondicionado, "para garantir o máximo confort e comodidade tanto para os doantes como para os profesionais sanitarios que desenvolven o seu labor neste punto".
A dirección de ADOS valora as achegas dos doantes e fixo un recoñecemento aos veciños de Pontevedra pola súa "elevada participación nas campañas de doazón", xa que, durante o ano 2015, realizaron 3.836 doazóns de sangue, que situaron a este municipio como o terceiro de maior índice de participación entre as sete cidades galegas.
Escribe o teu comentario