O "encarecemento da vida" desata protestas en toda Galicia
UGT e CC.OO. chaman a mobilizarse este domingo, día 19 de febreiro, en Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Os sindicatos UGT e CC.OO. chaman a mobilizarse este domingo, día 19 de febreiro, en varias localidades galegas para reivindicar "uns salarios e emprego dignos".
En concreto, ás 12,00 horas está prevista unha manifestación que partirá da Alameda compostelá. Á mesma hora están fixadas concentracións en A Coruña (diante da Delegación do Goberno), Ferrol (xunto ao edificio da Xunta), Lugo (Subdelegación do Goberno), Ourense (Subdelegación do Goberno) e Pontevedra (Subdelegación do Goberno), mentres que a de Vigo será ás 11,30 horas xunto ao Marco.
CC.OO. e UXT subliñan que nos últimos anos a cidadanía "tivo que afrontar a perda progresiva de poder adquisitivo dos salarios, das pensións e das rendas de protección", o que xera, segundo sosteñen, "un crecemento sostido da desigualdade".
"Isto é consecuencia do forte aumento do desemprego e da xeneralización da precariedade laboral, así como da subida dos prezos das subministracións básicas, electricidade, gas e auga".
Por iso, consideran que "os gobernos non poden mirar para outro lado e as organizacións patronais tampouco". "Son culpables do que pasa, da subida incontrolada dos prezos, da perda de poder de compra dos salarios, das pensións e das rendas de protección", segundo destacan.
Por todo iso, UGT e CC.OO. chaman á cidadanía galega a saír á rúa este domingo "contra o encarecemento da vida, especialmente contra a subida dos servizos básicos esenciais".
Escribe o teu comentario