70 nenos ourensáns aprenden a facer un bo uso da auga a través de 'Minecraft'

A iniciativa, impulsada por Viaqua en colaboración co Concello de Ourense e o centro de innovación 'La Molinera', pretende concienciar aos nenos sobre a importancia da auga de xeito divertido a través dos videoxogos


|

Viaquaourensearquimakers


Impulsada por Viaqua en colaboración co Concello de Ourense e o centro de innovación 'La Molinera', vén de presentarse a iniciativa Arquimakers, Viaqua 2030 'Creando as cidades da era dixital'. Trátase dunha experiencia educativa que pretende concienciar ás novas xeracións sobre a sustentabilidade do recurso da auga como unha prioridade nas cidades do futuro, a través do videoxogo Minecraft.


A través dos recursos educativos deste videoxogo, os máis pequenos (nenos e nenas de 8 a 12 anos) aprenderán a construír cidades sustentables, que coiden a auga de forma prioritaria, á vez que se divirten. 


O programa desenvolverase desde febreiro ata decembro deste ano, en catro bloques formativos con capacidade para 24 prazas cada un, en horario de seis a sete e media da tarde, e para anotarse é necesario realizar unha inscrición online a través da web de La Molinera.


Ao acto, celebrado este luns no salón de plenos do Concello de Ourense asistiron ademais do alcalde, Jesús Vázquez, e o Director Territorial de Viaqua, Julio Masid, o xerente de La Molinera, César Pichel e o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar.


Durante a súa intervención, Pichel lembrou que "hoxe día o que máis valoran as empresas é a creatividade, pero esta non aparece no sistema educativo", mentres destacou que Arquimakers pretende fomentar esta capacidade "innata" nos máis pequenos.


Pola súa banda, o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, defendeu que este proxecto avoga por "achegar aos nenos conceptos como espazo público". Tamén resaltou a oportunidade de "inculcarlles valores como a sustentabilidade", usando a xestión da auga como "fío condutor".


Nesta mesma liña manifestouse o director territorial en Galicia de Viaqua, Julio Masid, quen cualificou este programa como "unha oportunidade fantástica" para que os menores "valoren a xestión pública da auga".


Así mesmo, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, considerou 'Arquimakers' unha oportunidade de educar aos máis novos "no ámbito tecnolóxico, pero tamén no medio ambiente". Non en balde, o consumo da auga "é cousa de todos" e iniciativas como esta son "básicas para que os máis pequenos vaian automatizando xestos".


PROGRAMACIÓN


O programa desenvolverase desde febreiro ata decembro en catro bloques formativos con capacidade para 24 alumnos cada un. Para anotarse haberá que inscribirse online a través da web de La Molinera nos días previos ao comezo do programa.


O proxecto contará cunha metodoloxía que aposta polo aprendizaxe natural e baseada en proxectos. Tamén avoga por impulsar entre os alumnos o pensamento creativo e a capacidade de contar historias.


Entre os seus obxectivos destacan reforzar a individualidade do alumnado, reforzar o papel da familia como axente socializador, potenciar o desenvolvemento de habilidades de liderado, promover a igualdade de oportunidades e promover o desenvolvemento urbano sustentable.


Ao final do curso, durante o nadal, está previsto un campamento aberto a todos os participantes.

relacionada Viaqua premiará os mellores traballos do Máster en Enxeñaría Ambiental da USC
relacionada ViAQUA fomenta o consumo responsable da auga entre os nenos de Santiago
relacionada A exposición 'H2OH!, os segredos da auga da túa cidade' instálase na Alameda de Santiago

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE