ViAQUA fomenta o consumo responsable da auga entre os nenos de Santiago
En colaboración co Concello de Santiago, presentaron tres iniciativas educativas dirixidas a escolares de Educación Primaria.
// @VIAQUA
O Concello de Santiago acolleu este luns a presentación dun número de propostas educativas para escolares de Educación Primaria que teñen como fío condutor o ciclo da auga. ViAQUA, en colaboración co departamento de educación e cidadanía do consistorio local, conseguiron pór en marcha tres iniciativas co obxectivo de lograr unha maior concienciación e participación dos centros de ensino de Santiago na prevención e solución de problemas ambientais, nomeadamente aqueles que teñen que ver co ciclo urbano da auga. Un recurso "prezado" e, recordaron, aínda máis “escaso” este ano despois de que a Xunta decretase a prealerta por seca hidrolóxica pola escaseza de choiva.
Neste sentido incidiu Manuel Dios, o concelleiro de Educacion e Cidadanía de Santiago, que explicou que as actividades están dirixidas a escolares de 3º de primaria, “unha idade especialmente sensible” na que é importante “concienciar”.
Así, as iniciativas que desenvolverá ViAQUA a través desta colaboración co Concello serán o programa 'Aqualoxía', que comprende actividades en escolas con recursos educativos que “complementarán o currículo escolar de Coñecemento do Medio ou Natureza”; visitas didáctas á Estación Depuradora de Augas Residuais e á Estación de Tratamento de Auga Potable, onde os escolares “comprobarán na práctica o aprendido”; e por último a exposición ‘H2OH! Os segredos da auga da túa cidade’, en colaboración coa Obra Social La Caixa que, en palabras do director de ViAQUA, Julio Masid, é unha "oportunidade para que os nenos coñezan o ciclo integral da auga".
En total, máis de 300 alumnos recibirán formación en ‘Aqualoxía’ e máis de 500 visitarán as plantas de depuración e tratamento de augas, explicou Masid. Unha alta participación ao que o director de ViAQUA sumou o éxito acadado este ano co certame de ‘Relatos de auga intelixente’, ao que se presentaron un total de 561 microrrelatos.
O titular de educación do Concello felicitou a ViAQUA por un programa que calificou de “extraordinario” e pola súa disposición ao “encargarse de prácticamente todo”, o cal veñen facendo “todos os anos” desde que levan a cabo esta colaboración. Ademais, Dios subliñou que ViAQUA e o Concello veñen de remitir unha carta conxunta aos directores dos centros escolares galegos para animalos a participar na iniciativa e así “coñecer de primeira man o ciclo urbano da auga en Santiago”.
Escribe o teu comentario