O CHUS lamenta a morte dunha muller no corredor de urxencias "que fora atendida"
Asegura, ante unha denuncia de CESM-OMEGA ante a Fiscalía, que o pasado día 8, cando se produciu o falecemento, "había camas dispoñibles para hospitalización".
A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago lamentou o falecemento, o pasado día 8 de febreiro, dunha muller de 92 anos nos corredores de urxencias do Hospital Clínico que, segundo indicou, fora previamente atendida e "estábaselle preparando unha localización adecuada ao seu estado agónico".
"A paciente fora previamente atendida polo seu médico de atención primaria, quen emitiu un informe no que explicaba o seu situación agónica e solicitou o traslado da paciente ao Servizo de Urxencias do Hospital Clínico a instancias da familia", asegurou a Xerencia.
Despois de coñecerse que o sindicato CESM-OMEGA trasladou unha denuncia por este caso á Fiscalía, a Xerencia explicou que a muller "desgraciadamente faleceu tras ser atendida en Triaxe, onde se confirmou a sospeita diagnóstica do médico de familia, mentres se lle preparaba unha localización adecuada ao seu estado agónico".
Ademais, destacou que o Servizo de Urxencias do Hospital Clínico conta coa "totalidade dos recursos humanos do seu cadro de persoal activo" e "mesmo segue reforzado con novas contratacións específicas a maiores desde que empezou a onda de gripe".
De feito, insistiu en que se realizaron 784 contratacións de persoal sanitario (facultativos e persoal de enfermería) e 420 non sanitario (celadores) tanto en Urxencias como nas plantas de hospitalización que o necesitan. Ademais, sinalou que "todas as infraestruturas e camas están dispoñibles e son utilizadas en función das necesidades diarias".
Neste sentido, asegurou que o pasado día 8 "había camas dispoñibles para hospitalización" e "todos os pacientes que o necesitaron tiveron asignada a súa cama dentro dos tempos que marcan os estándares de calidade da Semes".
Escribe o teu comentario