Feijóo propón a Lara Méndez "un acordo PP-PSOE" para defender o AVE a Lugo en Madrid
A rexedora subliña que a súa urbe non quere "ser máis, pero tampouco menos" que o resto e espera "unha etapa nova" na súa relación coa Xunta.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propuxo este venres á alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, "un acordo PP-PSOE" para defender a chegada do AVE a esta cidade. Ademais, convidou a En Marea e BNG a sumarse a este pacto.
Trátase, en palabras do mandatario ante os xornalistas tras unha reunión dunhas dúas horas, de pactar que a conexión de Lugo coa alta velocidade ferroviaria sexa "a prioridade de Galicia despois da conectividade con Ourense".
"Se nos poñemos de acordo en priorizar ese tramo, será máis fácil", opinou, convencido de que Galicia debe "falar cunha soa voz" de que o AVE a Lugo "é imprescindible".
De feito, tras considerar "xusto e lexítimo" reclamar que Lugo "non quede descolgado" da alta velocidade, comprometeuse a "non esquecer" este asunto "mentres sexa presidente da Xunta. "É un obxectivo irrenunciable", reafirmou.
Pola súa banda, Lara Méndez advertiu de que os lucenses non queren "ser máis, pero tampouco menos" que os habitantes do resto de cidades galegas. "Non podemos quedar illados, porque despois será imposible recuperar ese espazo e seguir evolucionando", apuntou.
Ao fío diso, ambos os dirixentes abordaron a situación da intermodal de Lugo, unha infraestrutura "importantísima" para a alcaldesa e "imprescindible" segundo Feijóo.
REUNIÓN "INTENSA"
No transcurso dunha "intensa" reunión, como a cualificaron ambos os mandatarios, a rexedora conseguiu o compromiso de Feijóo de construír unha nova residencia pública de maiores en Lugo.
"É necesaria", argumentou ante a prensa, tras apuntar que hai 40 anos que non se constrúe ningunha nunha cidade moi envellecida e cuxos maiores perciben as pensións máis baixas do Estado. "Quero ser o presidente que faga esa residencia", respondeu Feijóo.
Así mesmo, despois de que Lara Méndez sinalase que "a maioría" dos asuntos tratados entre ambos na súa reunión de 2015 seguen pendentes, escoitou o "optimismo" do presidente con respecto á instalación de unha comisaría no barrio da residencia.
Tamén falaron da situación da Tinería, que se seguirá rehabilitando, e de que a administración autonómica ten "interese e diñeiro" para seguir co Plan Paradai; así como da ampliación do colexio de As Mercedes.
Entre outras cuestións relativas á cidade, Feijóo tamén ofreceu á rexedora afrontar o equipamento do auditorio a través da exoneración do pago do IBI do hospital e os centros de saúde, unha "fórmula" xa utilizada noutros municipios.
Finalmente, Méndez expresou publicamente o seu "agradecemento" ao presidente. "Creo que empezamos unha etapa nova", valorou esta colaboración institucional.
TASA DE OCUPACIÓN DE ESPAZOS PÚBLICOS
Por outra banda, preguntada sobre a sentenza que anula a taxa de ocupación dos espazos públicos de Lugo, a alcaldesa apuntou que se estudará o fallo xudicial.
Escribe o teu comentario