O Celta, decidido a non repetir o mal inicio da pasada liga
Hai un ano ao equipo vigués fixéronlle falta catro partidos para sumar o seu primeiro punto.
As dúas derrotas seguidas do Celta neste arranque ligueiro lembran a situación do ano pasado, cando ao equipo vigués lle levou catro xornadas sumar o primeiro punto. Unha comparación que rexeitan tanto Aspas como Sergio.
O dianteiro de Moaña declarou á TVG que non hai nerviosismo nese aspecto no vestiario e lembrou que a tempada pasada, tras eses tropezos, o equipo subiu "en picado".
Pola súa banda, o gardameta de Catoira manifesta o desexo dos xogadores de "conseguir o primeiros tres puntos canto antes". E tamén rexeita o pesimismo: "isto ten que motivarnos aínda máis, hai que estar máis centrados".
Sergio Álvarez contou en sala de prensa que o traballo nos adestramentos neste parón de seleccións se centra en "pechar os partidos" e "tentar que o rival non che remonte". Para iso, aposta por "minimizar os erros", un problema que os celestes arrastran desde a pretemporada.
O porteiro tamén lamentou o parón que, aínda que serve para emendar erros, "sempre que perdes, o que máis desexas é que chegue canto antes o seguinte partido.
Escribe o teu comentario