Falece un mozo en Ribadeo tras caer ao mar despois de sufrir un accidente cun quad
Un helicóptero de Gardacostas foi o encargado de rescatar o corpo
Un mozo de 23 anos, veciño de Ribadeo, faleceu esta tarde ao caer ao mar despois de sufrir un accidente mentres ía nun quad. Un helicóptero de Gardacostas foi o encargado de rescatar o corpo.
Preto das 14.45 horas, o 061 puxo en aviso ao 112 Galicia deste accidente que ocorreu na parroquia ribadense de Piñeira, segundo informou a central de emerxencias. Tamén alertou un amigo do falecido, que explicou que o perdeu de vista.
O 112 pasou o aviso ao persoal de Salvamento Marítimo e de Gardacostas de Galicia, que derivou ao momento un helicóptero. Tamén unha embarcación dirixíase até o lugar. Ademais, foron informados os axentes da Garda Civil, da Policía Local e os efectivos de Protección Civil.
Tras avistar o corpo do home, o helicóptero baixou o guindastre até o cantil e puido rescatar á vítima para deixalo onde se atopaba o persoal sanitario, que se encargou de confirmar a súa morte.
Escribe o teu comentario