Programación da IX Mostra Musical do Eixo Atlántico, que reunirá a máis de 100 mozos músicos en Vilalba
Nesta edición homenaxearase ao clarinetista portugués António Saiote.
Este fin de semana Vilalba será a capital musical da Eurorrexión. Na localidade lucense daranse cita máis de 100 mozos músicos de Galicia e o Norte de Portugal para pór a proba na IX Mostra Musical do Eixo Atlántico, que terá lugar entre o 23 e o 24 de maio
PROGRAMACIÓN
Neste evento aberto a todo o público terán lugar decenas de actuacións en espazos como o auditorio e o conservatorio de Vilalba. Alí, grupos e solistas farán as delicias do público nunha xornada que arrincará o sábado temperán coas primeiras actuacións a partir das 9:40 horas.
Os actos sucederanse ao longo do día e xa na tarde do domingo terá lugar o momento máis emocionante da cita coa homenaxe á figura do músico, mestre e pedagogo António Saiote, un dos clarinetistas máis recoñecidos de Portugal, cunha longa carreira internacional como solista pero tamén destacando na súa faceta como formador de mozos músicos.
Ademais de pór en valor a esta figura fundamental para a divulgación da música portuguesa, o domingo terá lugar a tradicional entrega de premios para os solistas e grupos que saian gañadores desta nova edición que busca levar aos escenarios aos talentos máis prometedores da música galega e lusa.
Escribe o teu comentario