Javier Dorado: "O goberno de Vigo instalouse nas cloacas"
O PP volve pedir "explicacións" pola apertura de xuízo contra un funcionario polo suposto enchufe dunha cuñada de Carmela Silva.
O PP de Vigo denunciou este martes que o goberno municipal presidido por Abel Caballero "instalouse nas cloacas" e acusou ao rexedor e aos seus colaboradores de converter o Concello "nun cortijo", á vez que lembrou que, unha semana despois de coñecerse a apertura de xuízo contra un funcionario polo suposto 'enchufe' dunha cuñada de Carmela Silva, o alcalde "segue sen dar explicacións".
Así o manifestou en rolda de prensa o secretario xeral do PP vigués, Javier Dorado, quen criticou que, ante "un escándalo de gran magnitude", nin Caballero nin Carmela Silva deron explicacións nin asumiron "responsabilidades políticas".
"Isto é insustentable, cheira moi mal. O goberno de Vigo instalouse nas cloacas, e o Concello de Vigo converteuse nun cortijo político, é inaceptable", proclamou Javier Dourado.
O secretario xeral do PP de Vigo subliñou que a noticia da apertura de xuízo oral contra este alto funcionario (para quen a Fiscalía pide 8 anos de prisión por prevaricación, malversación e falsidade documental) coincidiu coa visita á cidade de Susana Díaz.
"Parece que en Vigo se sente como na casa. Na primeira fila do acto había sentados ata 5 imputados do goberno local", ironizou, e engadiu que o goberno de Caballero ten ao 35 por cento dos seus membros investigados en causas xudiciais, incluído o propio rexedor.
Escribe o teu comentario