O xefe de Pediatría do Chuvi deixa o seu cargo tras asinar un contrato co grupo HM
O médico aclara que "en ningún momento" se plantexou simultanear ambas as actividades ao "non ser adecuado".
O Sergas confirmou este xoves que o xefe de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), José Ramón Fernández Lorenzo, deixará o seu posto nun prazo de seis meses, ao non ser "adecuado" que o compatibilice coa xefatura de Pediatría do grupo hospitalario privado HM en Galicia.
Este anuncio fíxose público ao día seguinte de coñecerse a incorporación de Fernández Lorenzo como responsable da área pediátrica de HM para os seus catro centros galegos: HM Modelo e HM Belén (na Coruña), e HM Esperanza e HM Rosaleda (en Santiago).
Sanidade precisou que esa incorporación do doutor Fernández Lorenzo ao grupo HM farase efectiva "nun prazo máximo de 6 meses", polo que, durante ese período, realizarase "unha transición planificada" das funcións que está a desenvolver no Chuvi.
Así mesmo, o Sergas sinalou que iniciará o proceso para nomear un novo xefe dese servizo, e agradeceu os anos de dedicación de Fernández Lorenzo á sanidade pública.
COMUNICADO
Pola súa banda, o propio xefe de Pediatría do Chuvi fixo público un comunicado no que aclara que "en ningún momento" se plantexou facer compatible a súa actual actividade coas responsabilidades no Grupo HM.
Fernández Lorenzo insistiu en que se incorporará á empresa privada "unha vez que deixe" as súas actuais funcións no Sergas en Vigo, "e unha vez organizada a transición, para non causar trastornos ao sistema sanitario público".
"Quero agradecer tanto ao Sergas como á xerencia de Vigo a confianza depositada en min, así como as responsabilidades que me foron encomendadas durante a miña ampla traxectoria profesional nesta organización", conclúe o comunicado.
Escribe o teu comentario