Un millón de viaxeiros subiron na liña Galicia-Madrid no último ano
A maioría, case o 95%, utilizou os servizos de Alvia, que circulan de día. Renfe implantou hai un ano o Plan Galicia, de mellora nos tempos e as frecuencias dos trens.
Un millón de viaxeiros utilizou os servizos de Longa Distancia (Alvia e Trenhotel) entre Galicia e Madrid durante os últimos doce meses, o que representa un incremento do 24% con respecto ao mesmo período do ano anterior.
A maior parte dos viaxeiros (94,7%) utilizou os servizos Alvia (diúrnos), fronte ao 5,3% que usaron o Trenhotel (nocturno). Esta subida coincide co primeiro aniversario do Plan Galicia, que supuxo a redución de tempos de viaxe entre a Comunidade e Madrid aproveitando a circulación polo tramo de Alta Velocidade entre Olmedo e Zamora a partir do 1 de febreiro de 2016.
Segundo Renfe, o Plan Galicia, implantado hai un ano, implicou un incremento do 100% no número de frecuencias diarias entre a comunidade galega e Madrid. Os servizos ferroviarios que conectan Galicia e a capital pasaron de catro por sentido (tres diúrnos e un nocturno) a sete por sentido (seis diúrnos e un nocturno). Ademais, o Plan Galicia supuxo a mellora dos tempos de viaxe na relación con Madrid entre 25 e 30 minutos.
Entre outras melloras do servizo, Renfe realizou un investimento de 1.042.075 euros para a instalación de enchufes dun total de 42 trens, entre eles os Alvia 730 que actualmente prestan este servizo.
INCREMENTO DE VIAXEIROS
Segundo os datos de Renfe, a relación Santiago-Madrid tivo unha demanda de 188.070 clientes, cun incremento do 42% fronte ao ano anterior.
Pola súa banda, Madrid-Ourense tivo un incremento do 20% durante os últimos doce meses, cun volume de 166.000 clientes; mentres que Madrid-A Coruña alcanzou un incremento do 16%, finalizando este aniversario con 123.672 viaxeiros.
Madrid-Lugo, con 12.939 viaxeiros, experimentou un incremento do 16%, Madrid-Vigo, con 96.400 viaxeiros, un crecemento do 5% e Madrid-Pontevedra, con 46.100 viaxeiros, do 9%. Finalmente, só Madrid-Ferrol rexistra no acumulado unha desviación negativa, do 3% (22.538 fronte a 23.117).
Escribe o teu comentario