O Celta volve caer ás portas da final de Copa
(1-0). O Alavés foi superior aos celestes, que non foron capaces de fiar o ataque nin de aguantar a posesión. Co gol, o muro vitoriano foi infranqueable.
Mazazo para a afección celeste. //Fonte: RC Celta
Coma o ano pasado, o Celta queda de novo en semifinais de Copa, superado por un Alavés que non outorgou concesións e que se mete na final por primeira vez nos seus 96 anos de historia.
O balón botou a rodar en Mendizorroza e o Alavés non dubidou. Os vascos saíron a por todas ante un Celta que non carburaba. Nos primeiros compases do encontro os branquiazuis apertaron e roldaron a portería de Sergio con perigo. No medio desta situación adversa o Celta ganduxou unha boa xogada finalizada por Iago Aspas na área arabesa e na que Pacheco apareceu, salvador, para despexar un balón que parecía destinado a converterse en gol.
Mediado o primeiro tempo chegou a réplica local. Ibai lanzou unha falta directa ao bordo da área e enviou o esférico rozando a cruceta. A ocasión pareceu dar ás ao Alavés, que volveu gozar dunha fase na que apertou ao Celta. E de novo, cando máis falto de ideas semellaba o Celta, apareceu Iago Aspas. O moañés golpeou de primeiras un balón solto tentando sorprender por arriba a Pacheco, adiantado, pero o balón marchou fóra rozando o traveseiro.
Tras a continuación, superioridade do Alavés. O cadro adestrado por Pellegrino fallaba na finalización, pero mantiña o dominio e xeraba as mellores ocasións. No minuto 64 paradón de Sergio para evitar o gol de Ibai. O partido entrou nunha dinámica intermitente na que o Celta non lograba atopar o camiño á portería rival, incapaz sequera de reter o balón controlado. E finalmente, despois de moito avisar, o Alavés marcou a dez minutos para o asubío final.
O Celta apertou ata o último minuto pero o gol non chegou e o equipo celeste quedou ás portas da final da Copa do Rey.
Escribe o teu comentario