O PPdeG dedicará o 25 de xullo a Fraga, o seu referente do "galeguismo"
Entenden que hai "moitos máis galegos" que se identifican coa ideoloxía e figura do seu fundador que coas "fantasías independentistas".
Manuel Fraga, con Feijóo.
O PPdeG celebrará este ano o Día de Galicia realizando unha ofrenda floral na localidade luguesa de Vilalba en homenaxe ao "galeguismo aberto, centrado e responsable" do fundador do partido, Manuel Fraga Iribarne, fronte ás "fantasías independentistas e nacionalismos que copian o populismo".
Así o anunciou o secretario xeral, Miguel Tellado, que apuntou que a ofrenda terá lugar este venres, día 21, ante o busto de Manuel Fraga na súa vila natal e que nela participarán, ademais del, o presidente de Novas Xeracións, Diego Gago, a presidenta provincial, Elena Candia, e o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy. O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, non poderá acudir por "problemas de axenda".
Con este acto, o PPdeG continúa co seu proxecto de aproveitar o Día de Galicia para "honrar a figuras" que consideran "clave" na "construción" da identidade galega e que "contribuíron a facer de Galicia" o que é hoxe en día.
"Nos tempos que vivimos, de fantasías independentistas e nacionalismos que queren copiar os populismos, resulta máis necesario que nunca reivindicar un galeguismo aberto, cordial, centrado e responsable", dixo Tellado, que apostou por unha ideoloxía como a de Manuel Fraga, que "sexa capaz de mirar ao exterior" en lugar de "encerrarse" e que "non busque a confrontación, senón a cooperación cos territorios".
Para Miguel Tellado, hai "moitos máis galegos" que se identifican cos posicionamentos e figura de Fraga Iribarne que os que se sitúan xunto a "as persoas ás que homenaxearán outros partidos".
Escribe o teu comentario