Rotas a negociacións entre Marea Atlántica e PSOE na Coruña
As contas serán vinculadas á aprobación dunha cuestión de confianza do alcalde, Xulio Ferreiro.
Esta mañá déronse por rotas as negociacións que a semana pasada abriran a Marea Atlántica e o PSOE co obxectivo de aprobar as contas municipais de 2017, segundo informa La Opinión da Coruña.
A propia formación atlántica publicaba esta mañá que a falta de acordo entre ambas as formacións levará ao alcalde, Xulio Ferreiro, a someterse a unha cuestión de confianza mañá, sábado, nun pleno extraordinario.
O rexedor herculino manifestara en reiteradas ocasións a súa sorpresa ante o feito de que os socialistas "se coloquen á beira do PP", pero aínda así mostrou a súa vontade de iniciar unha negociación co PSOE para "antepoñer os intereses da cidade".
A finais de 2016 dábase dúas semanas de prazo para chegar a un acordo, e aseguraba que "non lle asustaba a cuestión de confianza". Agora, rotas por completo as negociacións sobre un posible acordo, Ferreiro terase que someter a cuestión de confianza mañá, sábado, en pleno extraordinario.
Escribe o teu comentario