Ferreiro someterase a unha cuestión de confianza tras romper co PSOE

Marea Atlántica acusa os socialistas de crebar "o clima de diálogo" despois dun achegamento nas últimas horas na negociación do orzamento.


|

Xulioferreiro 3


O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, iniciou os trámites para someterse a unha cuestión de confianza despois de que a Marea Atlántica dera por rotas as negociacións ao entender que o PSOE crebou "o clima de confianza" das reunións das últimas horas para sacar adiante os orzamentos.


Así o confirmaron a Europa Press fontes do comité negociador, despois de que o PSOE apuntase, pouco antes do encontro convocado para este mediodía, que había "en principio" un acordo coa Marea, e que este pasaba pola xestión de catro proxectos por parte de edís socialistas.


Tamén adiantaban que estes concelleiros eran Mar Barcón, Fito Ferreiro, José Manuel García e Silvia Longueira e que asumirían "a xestión directa" do Clúster da Saúde, Cidade da Música, Distrito Mallos e Apoio ao Emprendemento, Investigación e Transferencia Tecnolóxica.


"O PSOE rompeu o clima de confianza dando por pechado un acordo que non estaba pechado", expuxeron as fontes consultadas por Europa Press. Ademais, cuestionaron que os socialistas falasen de que xestionarían proxectos por importe de 14,5 millóns de euros "cando onte (polo mércores) o que se negociou foron 1,5 millóns".


"COXESTIÓN" DE PROXECTOS


Tamén aseguraron que, por parte da Marea Atlántica, falouse de "coxestión" e que serían tres os concelleiros socialistas e non catro. "Con delegación parcial e sen competencias en persoal", apuntaron. Na mesma liña insistiron en que se buscaba "acordos globais" na citada negociación.


Mentres, desde o PSOE, aseguraron a Europa Press que non teñen comunicación da ruptura do que esta mañá o propio alcalde consideraba que podía acabar en "fumata branca" tras o achegamento nas últimas horas.


Previamente, o alcalde, tras unha visita ao antigo cárcere, agradecía "a disposición" do PSOE e as súas "propostas concretas" na reunión do mércores.


Sobre as persoas do grupo municipal socialista que participarían nalgúns proxectos, negou, unhas horas antes de producirse a reunión deste xoves, que por parte da Marea Atlántica estivesen previstos "vetos" a algún dos nomes. Respecto diso, sostivo que o importante era "atopar a as persoas adecuadas".


PROPOSTAS DO PSOE


Pouco despois destas declaracións, nun comunicado, o grupo municipal socialista apuntaba, "en principio", un acordo con Marea Atlántica sobre "liñas estratéxicas" que se recollían, segundo expoñía, nuns 20 proxectos que sumaban 14,5 millóns de euros, fronte aos 1,5 millóns expostos desde o goberno local.


Destas iniciativas, sinalaba que a proposta socialista pasaba por "asumir a xestión directa de catro actuacións que se consideran estratéxicas, como son o Clúster da Saúde (Mar Barcón); Cidade da Música (Fito Ferreiro); Distrito Mallos (Silvia Longueira), e Apoio ao Emprendemento, Investigación e Transferencia Tecnolóxica (José Manuel García)". Unha negociación que quedou agora rota.

relacionada Ferreiro non atrasará máis unha cuestión de confianza se non consegue un acordo esta semana sobre os orzamentos
relacionada Xulio Ferreiro non descarta unha cuestión de confianza tras seren rexeitados os orzamentos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE