Confírmase que os restos achados en Bóveda correspondían ás dúas vítimas
A procura da segunda vítima suspendeuse tras saberse que os restos corresponden aos dous anciáns, que serán enterrados esta tarde.
A procura da segunda vítima do incendio rexistrado nunha casa no municipio de Bóveda (Lugo) foi suspendida tras confirmar as análises que os restos achados correspondían aos dous anciáns falecidos.
De feito, os restos humanos achados o luns na vivenda do municipio lucense de Bóveda, na parroquia de Marín, na que se rexistrou un incendio esa xornada correspondían aos dous anciáns que a habitaban, un matrimonio de 95 e 89 anos, e non só a un como se cría inicialmente.
Segundo indicaron fontes da investigación, os restos que apareceron na vivenda, que veu abaixo tras o incendio, son dos dous anciáns, cuxa familia decidiu celebrar o funeral este xoves ás 16,00 horas.
Os traballos de procura dos Bombeiros de Monforte de Lemos, nos que participou a unidade canina do 112, suspendéronse sobre as 11,30 horas deste mércores, segundo indicaron as mesmas fontes.
Ás 9,00 horas do luns unha veciña alertou dun incendio na vivenda da parella de anciáns, pero as chamas non foron sufocadas ata as 18,00 horas, tras o que se iniciaron os labores de procura das vítimas.
O martes, os efectivos mobilizados decidiron remover os restos da casa cunha retroexcavadora para buscar en detalle entre os cascallos.
Escribe o teu comentario