Feijóo desbota unha tarifa eléctrica galega porque "ningún español" o entendería
O presidente defende que "non se sostén" que Galicia pague menos pola luz aínda que sexa un territorio produtor.
Alberto Núñez Feijóo rexeitou este venres a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega ao considerar que "ningún español entendería que, en función de cada punto quilométrico, se pagase a luz de forma distinta".
Preguntado respecto diso na súa comparecencia ante os medios tras reunirse co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o máximo mandatario autonómico considerou que as "tarifas teñen que ser homoxéneas" para o conxunto dos cidadáns que viven en España.
"Onte mesmo o comisario de Enerxía recodaba que unha das cuestións pendentes que ten que presentar é unha normativa única en Europa para regular os cortes de Luz", explicou Feijóo en referencia á visita de Miguel Arias Cañete a Santiago de Compostela.
Neste sentido, criticou que mentres en Europa "están a tentar poñerse de acordo para unha formulación enerxética común para 500 millóns de persoas" haxa "xente que cre que a tarifa eléctrica ten que ser distinta en función do punto quilométrico onde se viva".
"Penso que este tipo de formulacións non se sosteñen, nin en España nin na Unión Europa", manifestou Feijóo en relación á reivindicación do BNG, que tamén solicitou En Marea en diversas ocasións.
Escribe o teu comentario