Medio Ambiente confía en que as choivas aumenten os encoros e ríos galegos
Beatriz Mato incidiu na aposta da Xunta polas enerxías renovables que, ademais, abarataría a factura da electricidade.
A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, asegurou que non hai problemas de abastecemento de auga en Galicia, pese a situación de seca, e confiou en que as próximas choivas contribúan a aumentar o volume dos encoros galegos e o caudal dos ríos.
Nunha entrevista na Radio Galega, Beatriz Mato apuntou que "os encoros que abastecen principalmente están a día de hoxe un 3 por cento por baixo da media de fai cinco anos". É dicir, ao 69 por cento da súa capacidade, mentres que o resto están ao 50 por cento.
Con todo, indicou que "o máis preocupante" é o caudal dos ríos, que espera que se recuperen coas choivas dos próximos días.
Ademais, a conselleira de Medio Ambiente incidiu na aposta da Xunta polas enerxías renovables que, ademais, abarataría a factura da electricidade. "Na Xunta estamos comprometidos con cambiar cara ás enerxías renovables. Debería facerse así, porque ao ser máis baratas, deberían elas mesmas controlar o mercado e facer que a tarifa fose máis barata", sentenciou.
Escribe o teu comentario