Galicia pon o contador a cero: os partidos xa moven ficha para as municipais de 2027
Coa vista posta no 23 de maio de 2027, PP, BNG e PSdeG axustan equipos e candidatos mentres a esquerda rupturista busca a unidade para non chegar fragmentada ás urnas
O reloxo electoral galego botou a andar. A un ano das próximas eleccións municipais, fixadas para o 23 de maio de 2027, os principais partidos de Galicia xa traballan a fondo na confección de equipos e na designación das súas cabezas de cartel para o sete grandes municipios.
O #BNG leva a dianteira neste proceso. Os nacionalistas teñen confirmados cinco dos seus sete candidatos nas cidades: Miguel Anxo Fernández Lores repetirá en Pontevedra, Avia Veira encabezará a lista na Coruña, Xabier Pérez Igrexas farao en Vigo, Goretti Sanmartín en Santiago e Rubén Arroxo en Lugo. Quedan por definir os candidatos en Ourense —onde o portavoz local Luís Seara aspira a repetir— e en Ferrol, onde a militancia elixirá á substitución de Iván Rivas.
As alcaldías tamén rexistran movementos máis aló das cidades. Esta semana, os alcaldes do Páramo e Vilamartín de Valdeorras anunciaron a súa renuncia por motivos persoais, cedendo o mando aos seus segundos. Ademais, varias mocións de censura, con Lugo como caso máis recente e polémico, alteraron o mapa de gobernos locais.
Os populares, á espera de xuño
O PPdeG confirmará en xuño aos seus aspirantes nas cidades. Salvo sorpresa, os candidatos serán os actuais alcaldes ou presidentes locais: Elena Candia en Lugo, José Manuel Rey Varela en Ferrol, Miguel Lorenzo na Coruña, Borja Verea en Santiago, Rafa Domínguez en Pontevedra e Luisa Sánchez en Vigo. A única incógnita real é Ourense, onde xunto á portavoz Ana Méndez tamén soa o nome da deputada Ana Belén Vázquez. O partido, que controla 160 dos 313 concellos galegos, aspira a presentar en todos e a aumentar o seu número de alcaldías.
Os socialistas, pola súa banda, abrirán formalmente o proceso de designación nun Comité Federal previsto para xuño. A normativa interna favorece a repetición de alcaldes en exercicio, o que apunta á continuidade de Inés Rey na Coruña e Abel Caballero en Vigo. A maior incógnita está en Santiago, onde o grupo viviu unha grave crise interna tras a expulsión de catro concelleiros que se negaron a acatar as decisións da dirección local. O PSdeG asegura gobernar para máis do 60% da poboación galega e fixa como triplo obxectivo revalidar alcaldías, crecer e recuperar as perdidas fóra das urnas, pondo a Lugo como exemplo do que cualifican como "falta de escrúpulos" do PP.
A esquerda alternativa busca a unidade
No espazo á esquerda do PSOE, Sumar Galicia tomou a iniciativa contactando con Podemos, Anova, Esquerda Unida e Equo para explorar candidaturas conxuntas. En Ferrol xa se selou un acordo baixo a marca Ferrol en Común. O obxectivo é evitar a fragmentación que penalizou a estas forzas en 2023.
Escribe o teu comentario