Galicia encabeza o aumento de traballadores afectados por ERE
Mentres en España descenderon un 15,9%, en Galicia aumentaron un 11,8% as suspensións de contratos, despedimentos colectivos e reducións de xornada.
O número de traballadores afectados por medidas de regulación de emprego en Galicia subiu un 11,8% entre xaneiro e novembro de 2016 en comparación co mesmo período do ano anterior, ata un total de 6.357.
Deste xeito, mentres aumentan en Galicia os traballadores afectados, descenden en España un 15,9% ata quedar en 74.283. Así se desprende da Estatística de Regulación de Emprego xaneiro-novembro 2016 publicada polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social este mércores.
Así, Galicia lidera o aumento de traballadores afectados, seguida de Andalucía (+10,6%), mentres se producín unha baixada en 13 das comunidades nos once primeiros meses.
Do total de traballadores afectados en Galicia, a maioría foron por suspensión de contratos, 4.109, que aumentaron un 10,8%, fronte á baixada do 16,1% en España.
Ademais, houbo 1.599 traballadores que sufriron despedimentos colectivos, neste caso dispáranse un 57,7% máis que no mesmo período do ano anterior, o cuarto maior repunte por comunidades, que contrasta co descenso medio do 2,7%.
Finalmente, a reducción de xornada afectou a 649 traballadores, un 32,8% menos. Aquí a media do descenso é do 39,2%.
DATOS ESTATAIS
No conxunto de España, o número de empresas que adoptaron medidas de regulación de emprego descenderon un 29,9% ata novembro de 2016. En concreto, un total de 3.673 empresas utilizaron estes procedementos, 1.570 menos que no mesmo período do ano anterior. Ademais, o número total de procedementos situouse en 4.896, cifra que é un 26,6% inferior á rexistrada en 2015.
Escribe o teu comentario