Que Deus colla confesado ao mundo con Trump

Carmen P. Flores

Trump firma


A presidencia que acaba de estrear Donald Trump en EEUU non pinta ben polas características do personaxe. Cando unha boa parte da cidadanía pensaba que as promesas do candidato eran só campaña electoral, as dúbidas disipáronse despois dalgúns xestos que resultan inquietantes.


Ás poucas horas de ser investido presidente, e sen darlle tempo a Obama a chegar ao seu destino particular, a primeira medida que adopta é unha orde executiva pola que anima aos Estados a eliminar os aspectos que consideren máis caros da aplicación do 'Obamacare'.


Un primeiro paso para desmantelar a reforma sanitaria do seu predecesor, un dos maiores logros do primeiro presidente negro e que podería deixar varios millóns de persoas sen dereitos a esta cobertura.


Ao novo presidente faltoulle tempo para ordenar ao seu equipo que colgase na páxina web da Casa Branca a listaxe de prioridades, dentro do seu "nacionalismo" máis retrógrado, que representa un repregamento de Estados Unidos, derrogacións enerxéticas que obrigaban a reducir emisións contaminantes, a construción o muro coa fronteira con México contra a inmigración irregular. Eliminouse da web todo o relacionado coas políticas do cambio climático.


No tema da igualdade, só hai que ver o número de mulleres con responsabilidades que ten o seu executivo. As mulleres para el son meros instrumentos ou simples floreiros para decorar, como é o caso da súa esposa.


Os xornalistas tampouco o van ter fácil con Trump, só hai que lembrar a súa primeira rolda de prensa e as súas acusacións, desprezo e prepotencia empregada con algún xornalista. Pero esquécese que en EEUU os medios de comunicación non se deixan 'pisar' polos poderes, o que quere dicir que as súas roldas de prensa van ser das que fan historia. Con todo, os colegas non o van pasar moi ben que digamos.


A pouca experiencia política, o seu carácter arrogante e as súas pretensións de gobernar o país coma se fose unha empresa, non é unha boa estratexia de Trump, e menos tendo en conta a súa pésima xestión como empresario. Foi máis un empresario mediático que un empresario de éxito económico.


A súa política exterior pode achegar a EEUU máis dun problema, o mesmo que a Europa, onde un dos seus obxectivos é dividila para debilitala. Aí temos o exemplo do Reino Unido, onde a súa primeira ministra Theresa May, despois do triunfo de Trump parece que quere desafiar ás institucións europeas, baixo a ameaza velada de aliñarse con EEUU e deixar de lado á Unión Europea.


Unha parte da sociedade americana, que sabe a que lle vén encima, o mesmo día da toma de posesión do novo e estrafalario presidente, empezou a manifestarse nas rúas das grandes cidades, protestando pola política que pretende aplicar. Como di un refrán popular, "que Deus colla confesado a todo o mundo co presidente Trump".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE