A CUT critica que Stellantis ameace con pechar en Vigo e a Xunta di que sen máis axudas do Estado corre perigo
Lamenta que o Perte do Vehículo Eléctrico "non responda as necesidades" do principal produtor de automóbiles en España
O anuncio de que a factoría de Balaídos volverá traballar o martes, aínda que a media aceleración, non calmou as augas no Stellantis Vigo. No plano laboral, un dos sindicatos con presenza no Comité advirte de que a dirección "ameaza con que se pon en risco a continuidade e viabilidade da empresa". A CUT acusa á multinacional de "ir da man da Xunta" reclamando máis subvencións á Moncloa mentres os traballadores soportan folgas continuas e, polo tanto, recortes de ingresos.
A Xunta, mentres tanto, segue axitando o avespeiro facéndose eco das críticas da empresa ao Estado. Ademais, hoxe reclama que o Goberno cambie de criterio e inclúa á planta na rede de moi alta tensión.
O vicepresidente segundo da Xunta, no centro na primeira fila, nunha pasada visita a Stellantis nunha foto de arquivo
O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, lamentou a "falta de apoio" do Goberno ao sector da automoción e reivindicou que aínda hai tempo para unha "rectificación" e que inclúa a Stellantis Vigo dentro da rede eléctrica de moi alta tensión.
Así o sinalou Conde antes de acudir ao 'I Atopo Ágora. A Innovación Tecnolóxica e a súa importancia na competitividade da industria', organizado pola Cátedra Telefónica-Universidade de Vigo, despois de que esta semana o Consello de Ministros aprobase a planificación da Rede Eléctrica ata 2026, sen incluír a demanda da factoría de Balaídos para contar coa posibilidade e conectarse á rede de moi alta tensión.
STELLANTIS NON CUMPRE Os CRITERIOS
Segundo Conde, existe casos no pasado nos que se adoptou esta decisión de establecer unha singularidade a proxectos concretos para poder aceptar esta infraestrutura (xa que, a priori, Stellantis non cumpre os requisitos necesarios para que se lle conceda)."Non entendemos como o Goberno non ten a sensibilidade para acompañar ao principal fabricante de vehículos de España cunha infraestrutura que ademais tería un impacto beneficioso para os cidadáns de Vigo e o propio servizo", reivindicou. A compañía e a propia Xunta levan anos solicitando esta conexión.
Por iso, indicou que hai "tempo para unha rectificación", polo que a Xunta espera que o Executivo na tramitación parlamentaria corrixa unha situación "que poñería en perigo o desenvolvemento e a competitividade de Stellantis en Galicia".
PERTE VEHÍCULO ELÉCTRICO
Preguntado polo Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Transformación Económica (PERTE) do Vehículo Eléctrico e Conectado, Conde lamentou que, tal como trasladou a empresa, este Perte "non responde as necesidades" de investimento de Stellantis, para que poida seguir avanzando no seu proxecto de electrificación.
"Levamos advertindo desde hai meses a necesidade de que o Goberno escoite ao sector", lamentou, indicado que Stellantis xa fabrica en España vehículos eléctricos e "parece que hai outros proxectos que son máis atractivos para o goberno a pesar de non estar nese punto de desenvolvemento".
"Non parece razoable penalizar a aqueles fabricantes competitivos que levan moitos anos investindo en España para poder anticiparse ao coche eléctrico e agora necesitan investimentos que deberían ser elegibles (no Perte)", sentenciou.
Escribe o teu comentario